As oito persoas permanecen ingresadas e incomunicadas en hospitais de Valencia, Castela-A Mancha, Euskadi, Aragón, Andalucía e Cataluña. Todos acaban de chegar de México.
No domingo, a ministra de Sanidade do goberno español, Trinidad Jiménez, informaba de tres posíbeis casos en Valencia, Almansa (Castela-A Mancha) e Bilbao (Euskadi), sinalando que ningún dos tres hospitalizados estaba grave, porén, si en observación para ver de confirmar nas vindeiras horas se sofren a gripe porcina.
As autoridades puxéranse en contacto con todos os pasaxeiros que viaxaron en diferentes voos cos tres afectados, que estiveron en México, e coñecéronse outros cinco posíbeis casos, en Andalucía (Alxeciras), Cataluña (Girona e Barcelona) e Aragón (Teruel) que están a ser investigados. O resultado das análises, que determinará se as persoas doentes padecen a gripe A/H1N1, coñecerase en 48 horas.
O goberno mexicano confirma a morte de 81 persoas por mor da gripe porcina (10.50horas)
O mundo ten os ollos postos en México. Logo de que o venres se comezase a falar dun brote de gripe porcina, o goberno de Calderón xa recoñece abertamente que é moi posíbel que 81 dos seus compatriotas morreran nos últimos días por mor da epidemia. Ademais, as autoridades sanitarias consideran que nestes momentos pode haber máis dun milleiro de persoas coa enfermidade.
En México a alerta é máxima. Os colexios da capital do país están pechados e o executivo outorgoulle á Secretaría da Saúde poderes especiais por decreto para que tome medidas como pode ser o aillamento de persoas infectadas.
Poden ampliar a información do que está a acontecer en México (principal país afectado) en: Diario de México, El Universal, Reforma e La Jornada . Tamén en BBC América Latina (vídeo)