A lexislación fixa tamén sancións de carácter penal en casos leves se o delito de vertidos é reiterado.
A Unión Europea dispoñía dunha directiva desde hai catro anos para o castigo da contaminación procedente de buques e o estabelecemento de sancións para os responsábeis. Un marco legal que foi anulado en outubro de 2007 polo Tribunal de Xustiza de Luxemburgo ao considerar que a súa base legal era errónea. Na sentenza, afirmábase que a directiva pode esixirlles aos Estados membros que estabelezan sancións penais para a industria do transporte, pero non fixar o tipo ou o nivel exacto das penas, algo que corresponde a cada estado.
Agora, o novo marco legal acordado cos diversos executivos membros, corrixe a situación e fixa a obriga para os socios da UE de impoñeren sancións penais para os delitos de contaminación grave procedente de buques. Ademais, naqueles casos de contaminación leve onde o delito de vertido se comprobe de xeito repetido, deliberado ou resultado de neglixencia grave ou imprudencia temeraria, estabelécese tamén a imposición de sancións de carácter penal. O prazo para que os Estados membros comecen a aplicación da normativa é dun ano.
A directiva nace un obxectivo "disuasorio" fronte á actual situación onde a administración europea admite que na práctica os transportistas contaminan por consideraren "rendíbel" o pago dunha multa fronte ao cumprimento da lei. Xa que logo, o novo marco legal esixe penas "eficaces e disuasorias" que alcance non só os propietarios dos buques, senón tamén os donos da carga ou as sociedades de clasificación. Na súa presentación, o eurodeputado Luís de Grandes (do grupo do PP), destacou especialmente o consenso para elevar a delito a conduta reiterada de infraccións menores. O texto saíu adiante con 588 votos a favor, 42 en contra e 3 abstencións.