Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ACTOS DE GADIS, CCG E GALAXIA

Catro millóns de Piñeiros no supermercado

As actividades polo Día das Letras sucédense, a medida que se achega o 17: o homenaxeado en libros, exposicións e mesmo en bolsas da compra.

M.S.P. - 16:55 13/05/2009

Gadis distribuirá gratuitamente un total de 25.000 libros en galego con motivo do Día das Letras deste ano e repartirá máis de catro millóns de bolsas nos seus distintos estabelecementos, nas que se se poderá ler unha biografía de Ramón Piñeiro. O director de marketing da empresa, Antonio Cortés, destacou este mércores nunha presentación que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea o "pulo á lectura" que supuxo o reparto que Gadis fixo de máis de 95.000 libros en galego durante os últimos sete anos. Nesta ocasión trátase dunha nova edición da obra 'Game Over', de Santiago Lopo, un texto "a medio camiño entre a novela e a novela gráfica", con ilustracións de Norberto Fernández.

No Consello, "homenaxe dupla" a Otero e Piñeiro
Pola súa banda, este mércores o Consello da Cultura presentou a publicación que todos os anos elabora para homenaxear a figura á que se lle dedica o Día das Letras, nesta ocasión dun xeito máis especial, pois Ramón Piñeiro foi o primeiro presidente da institución. Ramón Villares, actual responsábel do CCG, falou sobre o libro e cd con ensaios e conferencias de Piñeiro sobre 'Otero Pedrayo, mestre da cultura galega', acompañado de Xulio Souto, presidente da Fundación Penzol e de Julián Parga, familiar do propio Piñeiro. Villares destacou a relación persoal entre os dous intelectuais, iniciada antes da guerra, e que ía máis aló da afinidade ideolóxica; lembrou, por exemplo, as visitas que Otero realizou a Piñeiro e aos irmáns Saco durante a reclusión dos tres galeguistas nunha cadea de Madrid. Villares referiu mesmo algunhas diverxencias xurdidas entre os dous, sobre todo no final da vida de Otero, cando a "precisión" que sempre tiña Piñeiro nas súas conversas contrastaba coa "lixeireza" dos discursos que naquel tempo predominaba nas de Pedrayo.

Villares anunciou, así mesmo, a sinatura dun convenio de colaboración entre o Consello e a Fundación Penzol para o estudo dos textos que esta institución posúe sobre Piñeiro. Tamén asegurou a participación do CCG no congreso que a final de ano analizará a figura do intelectual de Láncara e a realización dunha sesión académica, o mes que vén, que servirá para a analizar a influencia de Heidegger na xeración dos galeguistas históricos.

Galaxia: Tres novos libros e a mesa-camilla, exposta
Pola súa banda, a editorial Galaxia, a máis activa na celebración das Letras dedicada ao seu fundador, presenta este mércores na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela tres novas obras. Trátase de Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia 1961-1884. Basilio Losada e Ramón Piñeiro, en edición de María Xesús Lama e Helena González; Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, de Xesús Alonso Montero; e Ramón Piñeiro. O espertar da conciencia galega. Galeguismo, cultura e identidade. Ensaios e artigos dispersos (1950-1990), en edición de Henrique Monteagudo.Así mesmo, a Fundación Penzol recupera o famoso gabinete da mesa braseiro de Ramón Piñeiro, que se poderá ver a partir do xoves na sede da Casa Galega da Cultura de Vigo, na Praza da Princesa. Trátase dunha recreación, promovida polos equipos da propia Fundación Penzol, coordinados por Henrique Monteagudo, María Dolores Cabrera e Xosé Soutullo, con escenografía de Rodrigo Roel, na que se recuperan as estanterías, anaqueis, mesa braseiro, cadros, libros e mobiliario que pertenceron no seu día a Ramón Piñeiro.

De igual xeito, o venres 15 inaugúrase no Centro Social Uxío Novoneira a a exposición Ramón Piñeiro (1915-1990). Olladas no futuro, Comisariada polos profesores Henrique Monteagudo e Carlos Fernández. A exposición viaxará despois polas cidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, onde cerrará o ano, dous meses en cada cidade. En 18 paneis, e arredor dunha recreación escenográfica da mesa braseiro de Ramón Piñeiro, como símbolo dunha época, faise un percorrido pola vida e obra do galeguista de Láncara, así como polos principais acontecementos da Galicia do século XX.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: