Nos últimos catro anos, empresas e cidadanía foron gañando confianza no uso das novas tecnoloxías.
No momento de celebrar o Día Mundial da Internet, das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, Galiza segue a sufrir unha fenda dixital con respecto ao noso contorno europeo. Con todo, a evolución foi positiva nos últimos anos e, lentamente, vaise reducindo ese abismo que frea o desenvolvemento económico e social.
O Observatorio Galego da Sociedade da Información recompila anualmente varios indicadores que permiten analizar a evolución do eido das novas tecnoloxías en Galiza, impulsadas polo Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).
No que se refire aos indicadores do sector TIC no país, os datos non pararon de medrar dende 2005 a 2008. Así o número de empresas dedicadas ás novas tecnoloxías medrou de menos de 1.300 a 1.575. As persoas empregadas pasaron de nove mil a 13.500, e a súa porcentaxe con respecto ao total de persoas ocupadas incrementouse do 0,92 ao 1,26 por cento.
Máis espectacular foi o crecemento da demanda TIC por parte da poboación en xeral. As persoas que dispoñen de computador pasaron do 43,2% no ano 2005 ao 62,3 en 2008. As conexións á internet case se duplicaron (do 22 ao 41 por cento) e a banda larga triplicouse (do 12 ao 35,4%). Na mesma liña subiron a porcentaxe de persoas que mercaron por internet nos últimos tres meses (do 4,4 ao 9,9%).