Entregaralle á Xunta este mércores o informe que o presidente lle solicitou cando visitou a institución antes de ser investido.
O Plenario do Consello da Cultura Galega aprobou este martes a proposta de actividades para o Xacobeo 2010, logo da petición formulada polo Presidente da Xunta a finais de marzo. Nesta sesión incorporouse ao Plenario o titular da Consellería de Cultura, Roberto Varela Fariña.
No informe destaca a proposta de realizar unha exposición de grande impacto, de ámbito europeo, que permita difundir Galiza, a través do fenómeno Xacobeo, en lugares importantes da cultura europea. O CCG propón que esta exposición se centre no tempo e na figura de Diego Xelmírez. O informe tamén recomenda accións específicas pensadas para intercalar no treito que separará o 2010 do seguinte Ano Xubilar (2021).
Polo demais, tamén se aconsella a organización dunha oferta de arte actual, centrada en Compostela e en puntos significativos da xeografía galega, que permita completar o feito xacobeo cunha mirada concibida desde as tendencias artísticas do presente. Así mesmo, xunto con estas liñas xerais, a proposta suxire o desenvolvemento de estratexias complementarias "para unha axeitada planificación das actividades do 2010 e para a súa mellor difusión". Entre elas, o Consello fai fincapé no obxectivo de consolidar novos públicos que, procedentes de países nos que o fenómeno xacobeo acadou unha importante presenza, poidan incorporarse de forma plena á tradición das peregrinacións xacobeas, como Brasil, Estados Unidos ou os países da Europa oriental e báltica.