Os sindicatos ven boa toda idea que poña en valor comercialmente o leite do país, pero advirten que non debera facer esquecer as reivindicacións básicas do sector.
Hai moito camiño por andar, pero a veracidade da aposta hase de ver na práctica e, sobre todo, non debera ser escusa para esquecer as prioridades do sector, especialmente, as relativas ás garantías de prezos mínimos que garantan a sostibilidade das explotacións. Así se resume a avaliación que desde o sector sindical fan da promesa da Xunta de apostar pola creación dunha marca do tipo "Leite de Galiza" ou parecida denominación, que diferencie no mercado a materia prima producida no país.
"Número de mostras, parámetros físico-químicos, limpeza: non cabe ningunha dúbida, o noso leite é dos mellores da Unión Europea". Dese xeito o subliña Xavier Iglesias, secretario de Acción Sindical de Unións Agrarias (UUAA) e á vez presidente do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (Ligal). Constituída hai xa vinte anos, o Ligal é unha entidade privada sen ánimo de lucro cunha representación plural do sector e o encargo de determinar os parámetros de calidade do leite de Galiza.
O consumidor ignora de onde vén o leite que compra
Na situación actual, os andeis das tendas son expositor dunha galería de marcas que compiten entre si polo mercado sen ofrecerlle ao consumidor unha información real ao respecto da procedencia do leite. O problema é dobre: descoñécese a orixe do leite e á vez ignórase se é leite de vaca envasado de xeito directo ou ben, por exemplo, leite reconstituído froito de diversos procesos e refugallos que fan mingua da súa calidade.
Poñer luz nesa situación é un proceso complexo que "implica na práctica modificar moitas cousas", advirte Xavier Iglesias, quen valora como "boa" a iniciativa, recordando que xa estaba na axenda do anterior Goberno e recorda que o fundamental é afondar no proceso de "trazabilidade" e normativa de etiquetado. "O cidadán ten que saber cando baixo o envase dunha determinada marca se mete leite que non é de aquí", subliña. Con todo, avisa o presidente do Ligal de que resolver esta demanda require facelo "con todas as garantías".
"Do contrario podería ser até contraproducente", advirte. De parecida opinión é Lupe Prado, gandeira e responsábel do Sector Lácteo no Sindicato Labrego Galego (SLG), quen insiste en que o proxecto "Leite de Galiza" ten que deseñarse acorde á realidade do sector no país e garantir unha suficiente flexibilidade de criterios para abrirlle a porta ao conxunto das explotacións. "Doutro xeito sería un instrumento máis na man das multinacionais para precarizaren o sector", láiase.
Ferramentas contra o calote das marcas brancas
No actual escenario de crise, a aposta crecente polas chamadas "marcas brancas" que está facendo o sector das grandes cadeas distribuidoras no ámbito da alimentación, ten un impacto especialmente negativo nas explotacións leiteiras. A xente mira máis o peto á hora de mercar o leite e, como consecuencia, gañan cota de mercado produtos que son porta de entrada para unha alimentación de "menor calidade", coinciden en laiarse desde UUAA e o SLG.
Neste contexto, advirte Xavier Iglesias contra a posíbel falta de vontade do sector industrial de responder á introdución de garantías de calidade para o produto. "Temos un sector moi desorganizado e se cadra con poucas gañas de organizarse", quéixase. Na súa opinión, o conxunto da industria leiteira podería obter maiores ganancias a longo prazo de apostar polo avance na certificación no canto de poñerlle atrancos. De igual xeito, Lupe Prado critica que a industria aposta por espremer o camiño da insustentabilidade e por zoupar contra as explotacións impoñendo prezos inasumíbeis polos gandeiros. "Aplicar transparencia na situación implica recoñeceren onde apañan a ganancia, a custo de consumidor e gandeiros, unha ilegalidade que non debe consentirse por máis tempo", sinala Prado, agoirando un crecente control da produción por parte de multinacionais con abuso de gando concentrado, precarización de empregados e despreocupacións ambientais. "Queren afogarnos aos gandeiros, aos que facemos país, contribuímos a que o rural non quede deserto e coidamos o medio", advirte.