Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
VORGANOV E GARCÍA, OS MELLORES

O Xacobeo segue loitando nun Giro que é cousa de dous

O equipo que dirixe Álvaro Pino segue loitando por acada unha etapa despois de once tiradas, nas que os equipos LPR e Columbia suman nove vitorias.

Redacción - 20:00 20/05/2009
O Xacobeo vai seguir buscando a vitoria polas estradas italianas (clic para ampliar)

O Xacobeo vai seguir buscando a vitoria polas estradas italianas (clic para ampliar)

O Xacobeo Galicia segue loitando por acadar a súa primeira vitoria no Giro d´Italia, e este venres tivo protagonismo durante a tirada coa participación en escapadas de Eduard Vorganov e Marcos García, que están sendo os mellores homes do equipo na carreira. Aínda así a etapa foi para o británico Mark Cavendish, que acadou a súa segunda vitoria en tres etapas e suma a quinta para o seu equipo. O mellor situado do Xacobeo na clasificación é Eduard Vorganov, na 37ª posición a máis de 17 minutos do líder, Danilo Di Luca.

Álvaro Pino amosouse "satisfeito coa actitude dos ciclistas, que non deixan de loitar" pero recoñeceu que resulta moi difícil gañar unha etapa. Isto é debido á hexemonía que están impoñendo os equipos LPR e Columbia, que se reparten nove vitorias en 11 tiradas. Pino explica que "cando non tiran para preparar a chegada aos sprinters é un final en alto no que loitan os líderes da xeral, e así resulta moi difícil".

Este xoves contrarreloxo
A 12ª etapa será unha contrarreloxo individual sobre un percorrido de 60 quilómetros con dúas subidas de terceira categoría. Pino explícanos que "nós temos que gardar forzas para as seguintes etapas" e desbota a posibilidade de loitar por unha boa posición salvo o caso de Veloso "ao que se lle dan ben estas etapas". O patrón do Xacobeo fai unha lectura positiva desta etapa, xa que agarda que despois da contrarreloxo "se aclare quen manda na carreira (en referencia aos líderes da clasificación xeral) para ver se mudan as estratexias e podemos ter máis oportunidades".

Sobre as etapas axeitadas para loitar pola vitoria, Pino di que "calquera é boa". Aínda así destaca a do vindeiro sábado, que se disputará sobre un percorrido de 172 quilómetros con tres portos de segunda categoría e un de terceira. Pino sinala como candidatos á vitoria nesta tirada aos "que van mellor cara arriba" como son Gustavo César Veloso, Eduard Vorganov, Iban Mayoz ou Marcos García.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: