As novas redes de alta velocidade e de servizos engadidos estenderanse, primeiro, nas grandes cidades. O rural precisará de intervención pública.
En verde escuro, áreas sen operador alternativo; en verde claro, cun operador alternativo
A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) publicou un informe que calcula como evolucionará a dispoñibilidade da fibra óptica nos fogares nos vindeiros anos. Segundo os seus cálculos, entre o 43 e o 46 por cento das vivendas do Estado Español contarán con esta tecnoloxía en 2023. Nos casos máis favorábeis, até tres operadores competirán pola mesma clientela.
O estudo sobre a viabilidade da competencia en infraestruturas de redes de fibra óptica ten en conta o escenario máis conservador á hora de facer as súas previsións. O acceso a internet e servizos de valor engadido a través de fibra óptica até o fogar (FTTH) prestarase, na meirande parte do estado, por Telefónica. En practicamente toda Galiza haberá dous operadores, polo que o segundo será, probabelmente, R.
No lapso de 15 anos analizado, prevese que as grandes cidades, Madrid e Barcelona, contarán con entre dúas e tres redes de fibra óptica alternativas ao operador dominante, mentres que as poboacións de entre mil e un millón de habitantes poderán ter, cando menos, un operador alternativo.
Segundo o informe, as empresas que despreguen fibra en núcleos de máis de 50 mil habitantes poderán recuperar o investimento en entre 9 e 12 anos. No caso de poboacións de cinco mil a 50 mil, o prazo sería de 13 a 14 anos, mentres que nas localidades de menos de mil habitantes practicamente non habería presenza de operadores alternativos, que tardarían 15 anos en recuperar o investimento.
Para elaborar estas aproximacións, a CMT tivo en conta operadores con presenza en todo o territorio e que tivesen unha taxa baixa de captación de clientes que contraten servizos de valor engadido. Tampouco se tivo en conta os operadores de cable e asumiuse que os operadores alternativos despregarían as súas redes FTTH alugando a obra civil de Telefónica.
A análise tamén recoñece que nas zonas menos poboadas é probábel que non haxa demanda suficiente para os operadores privados, polo que "sería desexábel a actuación dos poderes públicos" para que as persoas residentes nesas zonas poidan dispoñer tamén de novos servizos en igualdade de condicións.
En calquera caso, a CMT prevé que, debido aos altos investimentos precisos, o despregamento de redes FTTH comece nas zonas onde os custos sexan menores e os ingresos maiores: zonas urbanas densamente poboadas. Ademais, os operadores que cheguen antes terán vantaxe sobre o resto.