Henar Jiménez, Edgar Blanco e Vicente de Souza levaron os premios ás interpretacións; Niño y Pistola e Manos de Topo, os galardóns aos videoclips.
O filme Por nada, de Dani de la Torre, levou o Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe no VI Festival de Cans. O xurado escolleu este traballo "por ser unha peza na que todos os elementos dunha curtametraxe están equilibrados: a historia, a narrativa empregada, as interpretacións, o ritmo...". A seleccionada como mellor curta de animación polo xurado foi O pintor de ceos de Jorge Morais, neste caso "por crear un mundo propio nunha curta na que cada plano está traballado ao límite".
En canto ás interpretacións, o xurado deulle o Premio á Mellor Actriz a Henar Jiménez pola súa interpretación en Uruguay 2030; valorou "a súa madureza interpretativa, a pesar da súa curta idade, atinada en todos os rexistros". O Premio ao Mellor Actor concedéronllo ex aequo a Edgar Blanco e Vicente de Souza. O primeiro, integrante do reparto de 'Uruguay 2030', elixírono "por ofrecer unha interpretación redonda, sinxela e honesta"; e o segundo, de Queres ser director de cine?, "porque sobresae o seu oficio de actor e escolle con gran acerto o rexistro necesario para o personaxe".
O venres á noite coñecéronse os primeiros galadores desta sexta edición. O III Concurso de Videoclips do festival premiou o tema Gone to Liverpool da banda de Baiona Niño y Pistola; pola súa parte, o público seleccionou como mellor videoclip o da canción Es feo de Manos de topo. Este sábado pechouse a sexta edición do festival, que un ano máis batiu marcas de asistencia, como se puido comprobar o venres e o sábado á noite, nos concertos de Kiko Veneno e Lamatumbá. Est martes a proxección das curtas gañadoras no Bar Liceum botará definitivamente o fecho ao festival.
...E en Cannes, gaña Haneke
O director austríaco Michael Haneke (Funny Games, A Pianista, Caché...) obtivo a Palma de Ouro no outro Cannes, o de Francia, esta fin de semana. Das weisse Band, unha crúa narración dos ambientes nos que naceu o nazismo, na Alemaña dos anos anteriores á Segunda Guerra Mundial, foi recoñecida como a mellor película; Un prophèt, do francés Jacques Audiard, levou o Premio do Xurado.
Os filmes que Quentin Tarantino e Lars Von Trier presentaron no festival, Inglourious Bastards e Antichrist, recolleron premios para os seus intérpretes protagonistas: Cristoph Waltz e Charlotte Gainsbourg, respectivamente. Tamén levaron premios o filipino Brillante Mendoza, mellor director por Kinatay e o chinés Feng Mei, polo guion de Spring Fever.
'Gone to Liverpool', de Niño y Pistola
'Es Feo', de Manos de Topo
Trailer de 'O pintor de ceos'
Fragmentos do filme de M. Haneke, gañador en Cannes