Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
relevo no colectivo

Xosé Manuel Olveira, 'Pico', é o novo presidente da Academia do Audiovisual

O actor substitúe a María Bouzas, quen anunciara a súa intención de non se presentar de novo.

Redacción - 21:00 30/05/2009

A Academia Galega do Audiovisual renovou a súa Xunta directiva, á fronte da cal se sitúa como presidente o actor Xosé Manuel Olveira 'Pico', segundo informou a entidade nun comunicado. Nunha asemblea celebrada a última hora do venres na cidade da Coruña, os integrantes da academia deron o seu apoio á única candidatura presentada. Deste modo, Olveira substitúe no cargo a María Bouzas, quen xa anunciara a súa intención de non se presentar de novo. Segundo os estatutos da organización, cada mandato dura dous anos.

O novo presidente estará acompañado na Xunta directiva por Rosa Álvarez Cabo, Carlos Ares Pérez, Montse Besada Vergara, Pepe Coira Nieto, Fernanda del Nido, Sandra Díaz Frantz, Nani García, Marcos Nine Búa e Tania Rodríguez Pino. Na súa intervención no transcurso do acto, Pico salientou que a nova etapa será "de continuidade" e que o traballo encamiñarase a seguir consolidando a razón de ser da Academia: "Conformar un espazo común para todos os que traballan nos múltiples oficios do audiovisual, defendendo os intereses comúns independentemente das diversas sensibilidades e puntos de vista; favorecer o coñecemento social deste sector da cultura e da industria, e promover a formación dos seus profesionais; e defender o prestixio e bo nome do audiovisual galego".

Creada en 2002, a Academia Galega do Audiovisual reúne a máis de 200 profesionais que traballan nas diversas especialidades do sector: Arte, Dirección, Escritura, Fotografía, Interpretación, Música, Post-produción, Produción, Promoción e Son.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: