IBM e Sun son as empresas máis respectuosas coa loita contra a mudanza climática, mais logran só 29 puntos de 100 posíbeis.
O desafío global Cool IT da organización ecoloxista Greenpeace pretende medir o compromiso das empresas do campo das TICs, esenciais no mundo actual, coa loita en contra do cambio climático. Con este obxectivo, Greenpeace convidou ás máis grandes empresas de informática e comunicación a participar deste proxecto que mediría a súa pegada ecolóxica. Nunha primeira fase, Cisco, Dell, Fujitsu, HP, IBM, Intel, Microsoft, Nokia, Sharp, Sony, Sun Microsystems e Toshiba se prestaron á valoración.
Os resultados de maio, que agora presenta Greenpeace, non deixan moi ben ás firmas participantes. Nunha valoración sobre cen puntos posíbeis, a lista está encabezada por IBM e Sun Microsystems, que apenas logran acadar 29 puntos. Detrás desta se encontra Dell con 21 puntos, e, xa con menos de vinte, Cisco, Intel, Fujitsu, Nokia e HP. Pechan a lista, con menos de dez puntos, Microsoft, Sony e Sharp. Toshiba é a menos respectousa co medio, xa que só acada 2 puntos.
O criterio de valoración de Greenpeace está dividido en varios apartados. A metade dos puntos corresponden ao epígrafe de "Solucións climáticas", onde se valora a achega de cada empresa ás tecnoloxías redución do nivel de emisións de gas invernadoiro e a información pública que a empresa dá sobre estas. Dos 50 puntos que se poden acadar neste apartado, só dúas empresas conseguen máis de 10: trátase de IBM, con 14 puntos, e Fujitsu, da que 17 dos seus 18 puntos proveñen deste epígrafe.
O apartado "Apoio político" é o segundo máis importante, con 25 puntos, e recoñece o compromiso da compañía para impulsar a redución da contaminación seguindo os protocolos de Kyoto, tanto a nivel nacional como internacional, así como o apoio ás enerxías renovábeis. Sun Microsystems é neste caso a compañía máis valorada, con 15 puntos, mentres que o resto de empresas no superan os dous puntos e, na maioría dos casos, non conseguen ningún. A estes poden sumarse os dez puntos do capítulo "Discurso público sobre o clima", onde as compañías non saen moito mellor paradas. Sun, con catro puntos do total, volve ser a máis valorada neste epígrafe sobre os posicionamentos perante a mudanza climática.
Por último, un tercer grupo valora as propias emisións das empresas, e é onde mellor paradas saen as compañías ponderadas por Greenpeace. Dez puntos poden conseguirse aquí atendendo ás propias emisións de gases invernadoiro, e até seis compañías acadan este máximo (IBM, Sun, Dell, Cisco, Intel e Nokia), mantendose outras dúas por riba da metade do total. Contrastan, porén, os cero puntos conseguidos por empresas tan senlleiras como Microsoft, Fujitsu, Sharp ou Toshiba. Finalmente, outros cinco puntos corresponden ao epígrafe "Uso de enerxías renovábeis", onde acadan a puntuación máxima Dell, Intel, Nokia e Microsoft.