O discurso antieuropeo do Partido para a Liberdade colleita un elevado apoio nesta cita coas urnas.
Arredor do 40% dos electores acudiron ás urnas este xoves nos Países Baixos para exercer o dereito de voto nestes comicios europeos. En xogo estaban 25 asentos no Parlamento Europeo. E segundo os primeiros datos, a principal novidade é a aparición como segunda forza, segundo as enquisas, dunha formación política que, de xeito directo, se ten pronunciado en favor da propia eliminación da Eurocámara.
Deste xeito, o Partido para a Liberdade, liderado por Geert Wilders, e considerada a principal representación da ultradereita nos Países Baixos, salta com forza e convértese na segunda forza máis votada nesta cita, de confirmárense as enquisas a pé de urna, que lle outorgan cando menos catro parlamentarios. O resultado colleitado por esta formación tería moito que ver co posíbel éxito do discurso anti-inmigración lanzado nesta campaña pola formación de Wilders.
As mesmas sondaxes outórganlle cinco e catro asentos respectivamente á Democracia Cristiá e a Social Democracia, actuais membros da coalición gobernante. O resto repartiríase nun mosaico político que lle asignaría entre dous e tres escanos a liberais de esquerda, socialistas radicais, liberais de dereita, verdes e calvinistas.