Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
NO DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS

A explotación dos recursos e a contaminación, principais doenzas dos nosos mares

As organizacións ecoloxistas piden a ampliación das áreas mariñas protexidas e medidas urxentes contra os verquidos.

Redacción - 11:30 08/06/2009

A sobreexplotación pesqueira, a contaminación, a mudanza climática, a destrución dos hábitats mariños... Os problemas multiplícanse para os nosos mares e a súa situación vai para peor. Segundo os datos de Oceana e Greenpeace os océanos sofren cada día unha media de 275 verquidos ilegais dende buques, impactos en máis de 350 mil hectáreas de fondos mariños por mor da pesca de arrastre e a extracción de 20 mil toneladas de peixe.

Na mesma liña, as organizacións ecoloxistas galegas como Adega alertan da perda de biodiversidade das nosas rías, informan de que o 75% das especies útiles ao ser humano están sobreexplotadas ou no límite da súa capacidade e exixen medidas urxentes por parte das administracións.

Pesca artesanal fronte á industrial
A riqueza dos mares e océanos europeos é enorme, tanto pola variedade dos seus hábitats como polo número de especies cas que contan (unha mostra: das 230 mil especies mariñas catalogadas no mundo, máis de 31 mil habitan en augas europeas). Con todo, son os mares máis degradados: segundo Oceana, cada día tíranse ao mar 55 mil toneladas de augas oleosas, restos de hidrocarburos e sentinas.

Estas prácticas son especialmente habituais na pesca máis industrializada. Así Adega avoga polo mantemento da pesca artesanal, tradicionalmente máis sustentábel e respectuosa cos recursos do mar e alertan de que este tipo de actividade "esmorece mentres se impoñen políticas pesqueiras orientadas á grande industria extractiva que especula co dereito á alimentación dos pobos". Nesta liña, lamenta o curso das decisións de política pesqueira, que apostan polo desmantelamento das estruturas tradicionais e a acuicultura produtivista para fomentar a cría de peixes en terra, nas macropiscifactorías do Plano Acuícola.

Contra o urbanismo e pola ampliación das áreas mariñas
Entre as medidas urxentes que solicitan as organizacións ecoloxistas atópanse a da ampliación da protección para os nosos mares. "O tesouro das nosas rías deberá preservarse propoñéndoas como Reservas da Biosfera", di Adega. Na mesma liña, entidades como Greenpeace piden unha maior protección dos océanos con "medidas inmediatas para deter o colapso dos recursos, a destrución dos hábitats e a contaminación".

Doutra banda, os colectivos galegos chaman a atención sobre o urbanismo "que secuestra cada vez máis territorio do litoral", di Adega, "soterrando con formigón non só o espazo físico da paisaxe costeira, senón tamén o espazo cultural que fai parte da nosa identidade como pobo". Piden así á administración galega "coherencia para estender a moratoria urbanística a outras planificacións sectoriais (piscifactorías, portos deportivas e outras infraestruturas) até a aprobación dun Plano de Ordenación do Litoral redactado con criterios de sustentabilidade.

Finalmente, Adega solicita a elaboración urxente dun Plano Estratéxico contra a Contaminación Mariña con obxectivos concretos, prazos e orzamentos. Ao tempo queren lanzar unha mensaxe de esperanza: "os nosos mares aínda teñen capacidade de rexeneración e darlles unha oportunidade está nas nosas mans", aseguran.

  • Podes ler máis información sobre o estado dos océanos no informe Océanos en perigo da entidade Oceana.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O 75% das especies mariñas están sobreexplotadas ou no límite da súa capacidade
O 75% das especies mariñas están sobreexplotadas ou no límite da súa capacidade
Adega avoga polo mantemento da pesca artesanal e lamenta que se lle gañe terreo ao mar con infraestruturas como as piscifactorías
Adega avoga polo mantemento da pesca artesanal e lamenta que se lle gañe terreo ao mar con infraestruturas como as piscifactorías