Nun momento especialmente complicado para a lingua, Vieiros quere mostrar publicamente o seu apoio á campaña infomativa da Coordinadora de Equipos de Normalización.
“Todas as culturas entenden a lingua como un patrimonio que hai que protexer e do que sentirse orgullosos”, este é un dos parágrafos do tríptico informativo que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (EDNL) está a enviar a todos os centros educativos do país. A idea é dar información aos milleiros de pais que nos vindeiros días terán que respostar en que idioma queren que os seus fillos e fillas estuden nas aulas.
Máis aló da lóxica pluralidade política que existe na nosa sociedade, a EDNL pídelle aos pais que se guíen por criterios estritamente pedagóxicos. Así, explica que, como lingua propia que é, o galego debería estar presente, cando menos, na metade das materias do ensino non universitario. Eis o único xeito de garantir o que establece a lei: que os alumnos teñan a mesma competencia oral e escrita ca en castelán. Porque o idioma, ademais de memoria dos nosos, é futuro, porque é unha ferramenta que nos abre portas e tamén nos conecta con mundos vizosos como o da lusofonía.
Dende Vieiros queremos apoiar a iniciativa poñendo a disposición dos nosos lectores o tríptico e convidando a pais e nais a reflexionar sobre a difícil encrucillada na que se atopa unha vez máis a lingua, porque, como explica a nota informativa “intereses políticos, que non educativos, crearon un problema”.
Convidámosvos a espallar un tríptico coma este porque cremos que só a información rigorosa e dos propios mestres pode axudarnos a saír dun conflito que prexudica á lingua máis feble, que non é outra que a que nos é propia.