O proxecto avanzado pola ministra está enfocado a recapitalizacións e fusións e incluirá a toma de control das entidades con problemas.
"O que di o Banco de España é que debe haber un dispositivo preparado para que non haxa necesidade de convocar un Consello de Ministros nin de intervir da noite para a mañá", explicou esta semana Elena Salgado, ministra de Economía. En conversa co Financial Times, Salgado confirmou a próxima dispoñibilidade dun fondo en previsión "dos problemas que poidan xurdir". "Pensamos que era un bo momento para levar a cabo unha reestruturación", afirmou Salgado, quen xa se pronunciara en días anteriores ao respecto dun futuro sector financeiro, principalmente no que lle toca ás caixas de aforros, con "menos entidades, pero máis fortes".
O fondo estabelece unha cantidade de 9 mil millóns de euros a disposición do sector e cunha capacidade de endebedarse até en dez veces, é dicir, un montante de 90 mil millóns. A fin última e o financiamento das posíbeis fusións e recapitalizacións que afrontarán en breve as caixas. De xeito concreto, o Banco de España poderá tomar o control das entidades que maiores dificultades amosan nos seus números, especialmente aquelas máis afogadas no negocio inmobiliario. A relativa fortaleza que o goberno español lle atribúe ás caixas de aforros nos últimos meses, logo ademais do toque de atención ensaiado coa intervención de Caja Castilla-La Mancha, non taparía as fendas nun sector para o que se prevé que se disparen as cantidades vencelladas a préstamos incobrábeis.