Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Europeas2009

Balance positivo dos partidos nacionalistas nas eleccións europeas

Formacións como o PNV ou o SNP mantiveron a súa representación. Outras como o Mebyon Kernow malia non conseguir entrar, celebraron o éxito conseguido.

Redacción - 14:05 13/06/2009

As eleccións europeas organizadas o pasado domingo, onde a abstención e a dereita foron os grandes vencedores, deixaron uns resultados aceptábeis para os partidos soberanistas. Estes son algúns dos máis destacábeis.

Estado Francés

No Estado Francés, a coalición Europe Ecologie, onde ademais dos ecoloxistas e os altermundistas de José Bové, participaba a Federacións de Rexións e Pobos Solidarios (R&PS), con representantes alsacianos, bretóns, cataláns, corsos, occitanos, savoianos e vascos, obtivo perto de tres millóns de votos.

Concretamente, conseguiu máis do 15% dos votos e enviará 14 membros ao Parlamento de Estrasburgo, os mesmos que o Partido Socialista.

Gran Bretaña e Irlanda

O Scottish National Party (SNP) de Escocia conseguiu medrar en votos -100 mil máis ca o Labour Party- e manter os seus dous eurodeputados -o mesmo número ca os laboristas. Ademais, segue a ser a formación de referencia dentro da Alianza Libre Europea (ALE).

O Plaid Cymru de Gales achegará un representante así como o Sinn Féin en Irlanda do Norte, onde foi a formación máis votada, aínda que perdeu o que tiña pola República de Irlanda.

Outro partido nacionalista que conseguiu un excelente resultado foi o Mebyon Kernow, que aínda que non foi quen de acadar representación, obtivo o 7% dos votos en Cornualles, exactamente 14.922 sufraxios, tres mil máis que o Partido Laborista.  

Estado Español
Os cataláns de CiU e os vascos do PNV, que concorreron coaligados, conseguiron cadanseu representante e integraranse no grupo parlamentario liberal.

A coalición Europa dos Pobos que lideraban Esquerra (Cataluña), BNG e Aralar e Eusko Alkartasuna (País Vasco) obtivo un escano, que se repartirán os candidatos das tres primeiras formacións.

A lista Iniciativa Internacionalista, integrada entre outros por candidatos galegos da FPG, obtivo 170 mil votos en todo o Estado, a maioría (138.313) no País Vasco, ficando lonxe de obter representación.

Flandres: As nacionais eclipsan as europeas

En Flandres, os ultradereitistas do Vlaams Belang obtiveron dous escanos; a Lijst Dedecker (vinculada ideoloxicamente cos primeiros), un; e a N-VA (independentista, de dereita), outro.

Precisamente, esta última formación foi a gran vencedora das eleccións ao Parlamento flamengo que discorreron ao tempo que as europeas (ao igual que no resto de entidades do Estado Belga). A N-VA subiu dos sete aos 16 deputados, aínda que os democratacristiáns do CD&V seguen a ser o partido con máis escanos, 31.

Curiosamente, aínda cos bos resultados nas europeas, o grande derrotado dos comicios nacionais é o Vlaams Belang que perde 11 asentos e fica con 21. O mesmo número que o Open VLD (liberais), que perdeu catro. Os socialistas (sp.a) obteñen 19 (seis menos que en 2004).

A Lijst Dedecker, que se estreaba, acadou oito parlamentarios e os Verdes (Groen!) subiron un deica os sete. Por último, os francófonos da UF lograron un e o SLP (social-liberal) non foi quen de superar a barreira mínima do 5% para obter representación.

Outros

O principal partido do Tirol do Sur, ao norte do Estado Italiano, o Südtiroler VolksPartei segue a ser un dos partidos máis fortes dos pobos e nacións sen Estado en Europa. Exactamente, sumou o 52% dos votos o que lle outorga un representante en Estrasburgo.

Ademais, a lista unitaria dos húngaros de Romanía (UDMR) atinxe máis do 9% dos sufraxios, o que lle supón tres escanos, que se repartirán na Eurocámara entre liberais (dous) e ALE (un).


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: