Arranca o XVI Festival Iberoamericano de Cinema e Vídeo cunha homenaxe ao ICAIC cubano e ao finado director arxentino C.H. Christensen.
'Mulleres na raia'
O documental Mulleres da Raia, da directora tudense Diana Gonçalves Domínguez, compite no XVI Festival Iberoamericano de Cinema e Vídeo (Cinesul). O filme é unha coprodución galaico-portuguesa que retrata o contrabando e a emigración clandestina na raia a través dos ollos das "trapicheiras".
A autora, de 23 anos, declarou sentirse afortunada polo recoñecemento do seu traballo. "O simple feito de ter sido seleccionada, para min foi unha sorpresa agradábel", sinalou. O filme gañou o pasado mes de abril en Coimbra o premio da prensa ao Mellor Filme no festival Caminhos do Cinema Português.
Mulleres da Raia, estreado no pasado Festival Play-Doc de Tui, está baseado na curtametraxe gañadora do concurso Play-Avid.doc de 2008, Trapicheiras, elaborada por Gonçalves Domínguez e polo alaricano Miguel Barbosa.
Máis de 220 títulos
Cinesul arrancou este martes en Rio de Janeiro cunha homenaxe ao Instituto Cubano da Arte e da Industria Cinematográficas (ICAIC), referencia para a produción audiovisual en Latinoamérica que cumpre 50 anos, e ao director arxentino Carlos Hugo Christensen, finado hai dez anos.
A mostra competitiva, que finaliza o día 28, propon 74 filmes de xéneros e metraxes diferentes para a votación do público, entre estes 18 longametraxes de ficción e documentais, e 56 medias e curtametraxes. Ademais, haberá diversos ciclos que elevarán o número de exhibicións a máis de 220 títulos.
O Cinesul, un festival que se desenvolve dende 1994 e promove o cinema independente de Latinoamérica e da Península Ibérica, prevé tamén a realización de seminarios, oficinas e encontros entre produtores, distribuidores, exhibidores e outras personalidades da cinematografía.