Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Polémica nos EUA

Máis de 300 mil euros nun estudo sobre o uso correcto do condón

A investigación científica pretende combater o cada vez menor uso do preservativo entre a mocidade. Colectivos contra o estrago de impostos critican a medida.

Redacción - 13:00 23/06/2009

O goberno federal dos EUA está a gastar 312 mil euros nun estudo que ten como obxectivo descubrir por que aos homes non lles gusta usar condóns. Porén, os asesores da administración estadounidense consideran que o traballo, desenvolvido por un equipo da Universidade de Indiana, é un estrago dos fondos públicos.

A investigación, financiada polos Institutos Nacionais de Saúde (NIH), vai dirixida coñecer por que "homes adultos, novos e heterosexuais" teñen problemas cos preservativos. O estudo, que durará dous anos, incluirá "intervencións de aptitude" para ensinarlles aos adultos como usar a protección.

A primeira fase de "Barreiras ao correcto uso do condón" será un cuestionario, mentres que a segunda "inclúe un estudo de laboratorio e céntrase na erección e na sensibilidade do pene durante a aplicación do condón", segundo o resumo publicado polos doutores Erick Janssen e Stephanie Sanders, do instituto Kinsey.

O proxecto ten como último obxectivo combater unha das principais causas de transmisión do virus da sida entre parellas heterosexuais de menos de 25 anos: a diminución no uso do condón. O traballo "ten como obxectivo entender a relación entre a aplicación do condón e a perda de ereccións e a diminución da sensibilidade, e atopar novos xeitos de mellorar o uso do condón entre as persoas que experimentan eses problemas".

Pero colectivos como Citizens Against Government Waste (Cidadáns contra o desperdicio do Goberno), pensan que é un gasto innecesario fronte aos "verdadeiros problemas do país". Este punto é negado polo doutor Janssen, que declarou en Fox News que "é o primeiro estudo científico que analizará se son reais as alegacións sobre a perda de sensibilidade e de excitación, mentres explorará factores que poidan ser empregados en programas de prevención e de intervención".

Tamén engadiu que o estudo se vai desenvolver entre 500 homes de entre 18 e 24 anos, aínda que só 120 deles participarán na fase de laboratorio, que incluirá exames neurolóxicos e "probará un método educativo sobre o correcto uso do condón".

En calquera caso, o NIH gasta 20 mil millóns de euros ao ano en estudos sanitarios tanto nos EUA como no exterior. Entre eles, un que se desenvolveu en bares de Bos Aires para descubrir por que os homes gais teñen condutas sexuais de risco cando están bébedos, e que custou 287 mil euros, ou outro que lles ensinou ás prostitutas da China a beber menos durante o seu traballo, que tivo un custo de case 1,8 millóns de euros.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: