Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Informe de Verdegaia e Ecoloxistas en Acción

A calidade do aire nas cidades galegas incumpre os valores da OMS

A Consellaría de Medio Ambiente, denuncian os ecoloxistas, "oculta información" sobre a situación na contorna de industrias contaminantes.

Redacción - 11:00 25/06/2009
O tránsito é o principal culpábel

O tránsito é o principal culpábel

As asociacións ecoloxistas Verdegaia e Ecoloxistas en Acción realizaron un informe para valorar a situación da calidade do aire en Galiza en 2008, que determina que en "todas as principais cidades galegas" se incumpren as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).

O estudo está baseado en datos oficiais facilitados pola Xunta e céntrase na taxa de partículas inferiores a 10 micras, o contaminante atmosférico "máis preocupante" dende o punto de vista da saúde humana.

A Coruña, por riba do límite legal
Segundo os datos da Administración recompilados no balance, a cidade da Coruña é a máis afectada, mesmo superando o límite legal. No entanto, todas as urbes sobrepasaron en 2008 os valores recomendados pola OMS, máis exixentes que os legais en vigor.

As asociacións ecoloxistas indicaron que a principal causa do deterioro da calidade do aire nas cidades é o tráfico, polo que reclamaron "novas políticas territoriais e de transporte" que o "reduzan drasticamente" no centro urbano e nas súas áreas de influencia.

Neste senso, salientaron a importancia de restrinxir o uso do vehículo privado e de potenciar os desprazamentos a pé, en bicicleta ou en transporte colectivo.

Ocultación de información
Por outra banda, Verdegaia e Ecoloxistas en Acción denunciaron tamén que a Consellaría de Medio Ambiente "oculta información" sobre a calidade do aire na contorna dalgunhas industrias contaminantes.

A Xunta "non está divulgando datos sobre a calidade do aire, obtidos nas estacións de medición", situadas nas proximidades de lugares como Cementos Cosmos (Sarria), a central térmica de Sabón (Arteixo), Ferroatlántica-Sabón, Ferroatlántica-Dumbría, Finsa (Compostela), Materiales del Atlántico (Narón) ou a incineradora de Sogama (Cerceda).


Ligazóns

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: