Refugallos das obras que se están a facer nos terreos comunais déitanse en varias áreas co coñecemento das autoridades.
Tres áreas están afectadas
A asociación ecoloxista Adega denunciou os vertidos de entullo procedente de obras de construción que se están a realizar nos montes comunais de Candeán, en Vigo. Os refugallos están a ser deitados en tres áreas: O Costal, Estripeiro e perto da nova charca artificial, na entrada do parque forestal.
"Estes vertidos supoñen un grave risco ambiental", afirman dende a organización, tanto pola súa composición como polo feito de que se sitúan sobre un dos acuíferos dos que se abastece a poboación de Vigo.
Diversas institucións e colectivos xa coñecen os feitos, segundo informan. O Seprona (Servizo de Protección da Natureza, dependente da Garda Civil) achegouse ao lugar logo da denuncia dos veciños.
Plantacións de escolares
A responsabilidade achácanlla á directiva da Comunidade de Montes de Candeán e ao Concello, xa que se usou maquinaria municipal para abrir gabias onde soterrar algúns refugallos.
A actuación cualifícana dende Adega de "atentado ecolóxico" xa que destrúe algunhas plantacións simbólicas, como as realizadas por escolares o pasado Día da Árbore. "Unha aberración engadida, e unha desconsideración máxima", aseguran.