Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Golpe de Estado en Honduras

Ultimato de 72 horas da OEA para a restitución do presidente Zelaya

A Organización de Estados Americanos ameaza con expulsar o país do organismo. O goberno español retira o seu embaixador de Tegucigalpa.

Redacción - 10:45 01/07/2009
Continúa o paro indefinido

Continúa o paro indefinido

O secretario xeral da Organización de Estados Americanos (OEA), José Miguel Insulza, anunciou que o organismo elabora unha resolución cun ultimato de 72 horas ao Goberno de Honduras imposto polos militares para que restitúa no cargo ao presidente constitucional, Manuel Zelaya.

En caso contrario, afirmou a OEA, o país sería expulsado. Pola súa banda, o mandatario imposto Roberto Micheletti desautorizou os embaixadores hondureños neste organismo multinacional e na ONU, que este martes en Asemblea tamén condenou o golpe e amparou o Zelaya por aclamación.

Micheletti explicou que destituíu os dous embaixadores porque non obedeceron as súas instrucións de "non expresarse en contra deste Goberno". Ademais, ampliou o toque de queda até o vindeiro venres, un día despois do regreso ao país anunciado por Zelaya.

Partidarios de Micheletti manifestáronse este martes no centro de Tegucigalpa, ao tempo que se producía a segunda xornada de paro nacional, seguida masivamente pola poboación tamén na capital e no resto do país, informan axencias internacionais. 

O embaixador español, chamado a consultas
O goberno español, ao igual que xa fixeron moitos países americanos, decidiu este mércores chamar a consultas ao seu embaixador en Honduras, "coa esperanza de que contribúa, no marco dos esforzos internacionais en curso, ao restabelecemento da institucionalidade democrática", segundo informou o Ministerio de Asuntos Exteriores.

O xefe da diplomacia española, Miguel Ángel Moratinos, xa anunciara este martes que lle proporía á UE a chamada a consultas dos seus respectivos embaixadores en Tegucigalpa en sinal de protesta pola "ruptura da orde constitucional" en Honduras.

A chamada a consultas é unha ferramenta diplomática da que dispoñen os Gobernos para amosar o seu forte rexeitamento e malestar ante algunha actuación do Estado ante o que está acreditado o embaixador ao que se chama. Supón unha retirada temporal deste representante até que se solucione o incidente.

O presidente de México apoia o Goberno constitucional

Entre todas as reaccións dos líderes internacionais que se están a producir nas últimas horas salienta a do presidente mexicano. Felipe Calderón asegurou en Panamá que respecta a súa vontade de regresar a Honduras, e dixo que este conta co respaldo de México.


Ligazóns

4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: