O organismo que regula as telecomunicacións no Estado Español estuda autorizar a prestación do servizo por entidades públicas en áreas descartadas pola iniciativa privada.
A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) está a reformular a súa opinión sobre as redes sen fíos prestadas polas administracións públicas, principalmente municipais. Ata o momento, rexeitaba a posibilidade de que os gobernos competisen cos operadores de telecomunicacións ofrecendo servizos de balde. Por considerar que a "vixente regulación da actividade das administracións públicas no ámbito das telecomunicacións podería non ser a máis axeitada", lanzou unha consulta pública para recabar a opinión dos axentes interesados nesa regulación.
A CMT pretende "clarificar os escenarios en que se desenvolven" as actuacións das redes WiFi prestadas por entes públicos para que non só non desincentiven o investimento privado nin supoñan competencia desleal e ademais sirvan para promover a entrada de novos usuarios. Na consulta exponse a posibilidade de que o regulamento elimine a restrición temporal de WiFi pública gratuíta, ata agora vixente.
A Lei Xeral de Telecomunicacións define as comunicacións electrónicas como "servizos de interese xeral que se prestan en réxime de libre competencia" e non como servizos públicos. Por iso, as administracións públicas que presten este servizo deben inscribirse no rexistro de operadores da CMT e separar as súas contas segundo os principios de neutralidade, transparencia, non discriminación e non distorsión da competencia. Así, esixe que se presten os servizos a cambio dunha contraprestación económica e prohibe que se compensen as súas perdas con fondos públicos. De xeito transitorio, pódense ofrecer servizos gratuítos, sempre baixo a tutela da CMT.
Xornadas sobre o telecomunicacións locais
No IV Encontro sobre telecomunicacións e gobernos locais, que organizaron a CMT e Localret, tamén se falou do tema das WiFis municipais. En xeral, os relatores coincidiron en afirmar que é preciso modificar a norma que as regula e rematar co conflito entre os gobernos locais e os operadores de telecomunicacións. As administracións públicas poden estar interesadas en prestar este tipo de servizo para a cidadanía, ademais de despregar redes de cable e fibra óptica a nivel local.
Tamén se citaron os casos de concellos que despregaron redes de canalizacións que despois algunhas operadoras non quixeron utilizar ou de núcleos que non poden agardar a que a iniciativa privada chegue algún día. Ademais, expúxose o problema que supoñería que cada concello tomase medidas pola súa conta e a descoordinación que supoñería.