Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Negociación do financiamento autonómico

O consenso parlamentario bate contra o plan do Estado e a ministra Salgado

Feijoo recoñece que a proposta está "moi por baixo" do 7,1% acordado no Hórreo, o PSdeG pídelle que "non tire a toalla" e o BNG alerta de que Galiza corre risco de "baixar de categoría".

Redacción - 18:00 02/07/2009
O presidente atende os xornalistas na conferencia posterior ao Consello da Xunta, esta quinta feira

O presidente atende os xornalistas na conferencia posterior ao Consello da Xunta, esta quinta feira

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asegurou esta quinta feira que a proposta de financiamento do goberno español está "moi por baixo" do 7,1% do total de recursos dispoñíbeis para repartir entre as comunidades (nove mil millóns de euros), acordado no Hórreo.

Feijoo analizou o resultado da súa xuntanza coa ministra de Economía, Elena Salgado, tralo Consello da Xunta e avisou o seu homólogo estatal, José Luís Rodríguez Zapatero, de que "non asinará" ningún pacto "lesivo" para os intereses de Galiza.

O presidente do Goberno non desbotou acudir á vía xudicial e presentar un recurso se finalmente se aproba un modelo de financiamento que "vicie" os principios de cohesión e solidariedade entre as distintas comunidades autónomas que contempla a Constitución española.

Ademais, Feijoo expresou a súa "preocupación" por unha negociación en que os responsábeis políticos do goberno español se "contradín", en referencia ao compromiso do ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, para "traballar" a prol do 7,1% para Galiza.

Coa esperanza de chegar a un acordo, Núñez Feijoo anunciou que esta mesma quinta feira, a conselleira de Facenda, Marta Fernández, tiña previsto pórse en contacto cos "líderes políticos" de PSdeG e de BNG para lles informar do "alcance e contido" de ambos os dous encontros.

Fernández Leiceaga (PSdeG): "Negociar coa cabeza fría"
Ao respecto, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, instou o presidente da Xunta a non abandonar o proceso de negociación, que "continúe e non tire a toalla na defensa dos intereses de Galiza coa cabeza fría e defendendo o ben de todos".

Ademais, sinalou que "é necesario máis que nunca fortalecer a posición de Galiza cun amplo consenso parlamentario" que "serva para darlle máis forza á nosa posición negociadora". No entanto, criticou que a Xunta siga sen dar os criterios que defende no proceso de negociación.

Guillerme Vázquez (BNG): "No vagón de Murcia e da Rioxa"

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG emprazou o presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijoo, a que diga "cal é o listón galego" na negociación. "Continuamos sen saber que é o que propón en concreto o presidente da Xunta", dixo.

"Segue parapetándose detrás do acordo do Parlamento galego", que cualificou de "xenérico", e "de mínimos". Ademais, ao seu xuízo, Galiza afronta a negociación dende a debilidade "de que o país careza dun Novo Estatuto", unha "responsabilidade" que achacou "única e exclusivamente" ao PP.

Vázquez alertou de que o noso país corre o risco de "baixar de categoría". "Como nacionalidade histórica, até o de agora mantivémonos en Primeira División". En termos fiscais "todo apunta a que imos descender". "Euskadi e Nafarroa hai moito que resolveron esta cuestión. Cataluña está a piques de conseguilo. E nós, a este paso, estaremos no vagón de Murcia e da Rioxa", considerou.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: