Até dezasete espazos protexidos en perigo cita Greenpeace na edición 2009 do seu informe para Galiza, entre outros, a volta da ameaza sobre Touriñán.
Edificios á beira do acceso ao ENP de Corrubedo
"Nos 86 municipios da costa galega construíronse, en toda a historia, 816 mil vivendas. Os concellos están agora recualificando para poderen edificar 680 mil máis en só 13 anos. Isto supón, por exemplo, máis que as previstas na Costa del Sol".
Velaí a comparativa que aparece ao inicio do capítulo que o colectivo ecoloxista Greenpeace lle adica a Galiza na edición 2009 do seu informe Destrucción a Toda Costa. O estudo valora positivamente a decisión en 2007 da Xunta de protexer o litoral co denominado Decreto de Medidas Urxentes, que freou temporalmente a construción nos 500 metros desde a liña do mar. Ao tempo advirte da presión realizada desde o sector inmobiliario para botar agora abaixo a iniciativa, reprochando as afirmacións da federación galega de promotores, Feproga, que agoiraba que o plan "afundirá o país". Poñen o exemplo da macro-promoción iniciada por Martinsa-Fadesa hai anos en Miño (1.200 vivendas e campo de golf ao través de 160 hectáreas) que quedou agora a medio construír unha vez estoupou a burbulla inmobiliaria.
Longa lista de irregularidades urbanísticas nos tribunais
A análise dos ambientalistas fai breve repaso de máis ducia de casos concretos de irregularidades con implicacións en moitos casos de graves impactos para o medio natural e que remataron nos xulgados. A lista iníciaa Aranga, co caso da compra de 300 hectáreas de solo rústico e a posterior denuncia por violación de secretos, uso de información privilexiada e alteración dos prezos do libre mercado. Inclúe ademais o caso de Gondomar, de actualidade recente a conto da moción de censura no Concello.
Por outro lado, fíxase tamén no acontecido en Viveiro, onde o xulgado anulou a licenza para un edificio de 200 vivendas en Covas, e cita entre outros o caso de Nigrán, onde a asesora xurídica do departamento de Urbanismo e membros da súa familia construíran un bloque de vivendas perto dos areais de Praia América. Tamén na querela da Fiscalía de Pontevedra en 2008 contra o alcalde de Baiona, por presunto delito de prevaricación na área de reparto en solo urbano consolidado en favor do hotel balneario sobre o que pesa orde de demolición desde hai dous anos.
De Ribadeo á Guarda, ampla escolma de agresións
O informe continúe repasando a pé de costa algunhas das agresións máis importantes sobre o litoral do país. Así por exemplo, e comezando por Ribadeo, censura o outorgamento de licenza en 2005 para a planta de acuicultura no Lugar de Importancia Comunitaria d'As Catedrais, incluída a beizón daquela da propia consellaría de Medio Ambiente. Unha instalación que posteriormente foi paralizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. E sen saír da zona, reparan tamén na teima coa construción dunha terminal cuberta de carga, co favor de Portos de Galicia, que invadirá a ría do Eo para mellorar a exportación da veciña planta de Ence en Navia.
O estudo menciona tamén a Costa da Morte, queixándose da "urbanización indiscriminada" do litoral. "Lonxe de acadar unha xestión sostíbel deste contorno, seguen proxectándose novas urbanizacións e infraestruturas que fan aínda máis vulnerábel esta costa que sufriu a marea negra do Prestige", indican.
De xeito específico denuncian a volta ao debate ao respecto da piscifactoría en Touriñán, un proxecto desbotado polo anterior Goberno e ao que a Xunta lle abre agora outra vez as portas. "Enterraría baixo 300 mil metros cadrados de cemento e plástico hábitats prioritarios para a súa conservación pola directiva europea", láianse. Na mesma zona, critican tamén a proxectada instalación de dous parques eólicos con máis de 70 aeroxeneradores que debuxarán a costa ao longo de dez quilómetros de litoral, desde Cabo Touriñán até Muxía.