O Consello da Cultura Galega, do que o historiador é presidente, pechou este xoves os actos de conmemoración do seu 25 aniversario.
""Non teño na cabeza que esta vaia ser unha sociedade monolingüe, nin galega nin castelá, así que hai que buscar modelos de convivencia e non de conflito", o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, marcou este xoves a súa posición sobre o conflito lingüístico que vive Galiza dende hai uns meses. Villares salientou que "o galego é un recurso, non un problema" e engadiu que "a ninguén se lle pode pedir que sexa monolingüe, todas estas chamadas a unha especie de monolingüísmo implícito, son bastante paletas". Coincidindo co remate de doce meses de actividades, conferencias e debates cos que o Consello celebrou o 25 aniversario da súa creación Ramón Villares foi entrevistado pola TVG.
Villares tamén afirmou que o Consello está vendo "con preocupación" o debate lingüístico: "O CCG non ten dúbida de que un dos elementos esenciais da identidade galega é a lingua, así que todo o que signifique defendela será apoiado polo Consello, pero tampouco non descoñecemos que existe un debate social e político. Isto pódenos levar a reflexionar sobre as políticas lingüísticas que se levaron a cabo o ano pasado, e pode que haxa que cambiar algunhas cousas, pero en ningún caso abandonar".
Finalmente, en relación co Cidade da Cultura, o presidente do CCG, dixo que "non está en causa, pode reorientarse, pero seguirá a súa travesía".