Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
25 ANOS DA DECLARACIÓN DO HOSTAL

Cando os concellos deixaron de ser ayuntamientos

As corporacións locais galegas comprometéronse a continuar liderando o proceso de normalización lingüística.

Isabel G. Couso (texto e vídeo) - 19:30 10/07/2009

Xa pasaron 25 anos dende que os alcaldes de 187 concellos asinasen a Declaración do Hostal, un texto que dinamizou o proceso de normalización lingüística dos municipios galegos. Dende entón, a propia nomenclatura municipal virou ao galego, comezou a valorarse o coñecemento do idioma nos programas para o acceso á función pública local ou adquiriuse o compromiso de programar cursos de galego para funcionarios. Ademais, a documentación dos servizos administrativos comezou a utilizar o noso idioma, no mesmo no que se rotularon as dependencias das casas consistoriais ou comezaron a xurdir os servizos municipais de normalización lingüística.

Todos estes logros, que nin foron inmediatos nin estiveron exentos de grandes esforzos colectivos e particulares, foron festexados este venres no compostelán Hostal dos Reis Católicos. Alí, como hai 25 anos, os concellos galegos (da man da Fegamp) renovaron os seus compromisos a favor da promoción da nosa lingua.

Retos de futuro: a policía local, os procesos xudiciais e as escrituras
O lema deste acto conmemorativo foi "O galego, a lingua propia dos concellos e das deputacións de Galicia". O presidente da Fegamp, Carlos Fernández, asegurou que as corporacións locais galegas "se comprometen a continuar liderando o proceso de normalización lingüística". Entre as medidas concretas propostas para esta reformulación da Declaración, propuxo: que se tramiten en galego os procesos xurisdicionais nos que sexan parte as corporacións; que se redacten na nosa lingua es escrituras públicas e as inscricións nos rexistros; e que se incorpore o noso idioma como lingua habitual de traballo das forzas da policía local, tanto a nivel interno como nas súas relacións cos cidadáns.

Pola súa parte, o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xaquín Monteagudo, recordou aos poderes públicos "que están obrigados a promover o uso do galego como lingua historicamente desfavorecida" e recordou que o Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado en 2004, ten entre os seus obxectivos mellorar a calidade da lingua escrita e falada polos funcionarios e as autoridades". Asemade, sinalou que a súa implantación se baseou "nunha estratexia de modernidade e cortesía" e destacou que o proceso se debe de levar a cabo "á marxe de crispacións, argumentos demagóxicos ou afirmacións simplistas, que alimentan conflitos artificiosos".

Finalmente, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, defendeu o dereito dos cidadáns a "coñecer e utilizar tanto o castelán como o galego", e asegurou que a Xunta "se suma á promoción do galego e á renovación do compromiso dos poderes públicos co seu impulso". Ademais, considerou necesario que se estabelezan políticas lingüísticas "eficaces", que non se elaboren "de costas á sociedade" e adiantou que nesta nova etapa do goberno "non se rebaixará a lexitimidade da lingua; todo o contrario: seguiremos mantendo as bases sobre as que construímos nestes últimos 30 anos o pacto sobre a lingua" e insistiu: "dende a cordialidade e a boa convivencia".


4/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo 1: Acto institucional no que se conmemorou o 25º aniversario da Declaración do Hostal

Vídeo 2: Valoracións do secretario xeral de Política Lingüística e do conselleiro de Educación

Imaxe dalgúns dos convidados ao acto de conmemoración
Imaxe dalgúns dos convidados ao acto de conmemoración
Fernández Albor, tamén presente no Hostal, era o presidente da Xunta cando se asinou a Declaración
Fernández Albor, tamén presente no Hostal, era o presidente da Xunta cando se asinou a Declaración