Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FILMINHO'09, DO 15 AO 19

O Miño está feito de celuloide

En Vilanova da Cerveira e Goián celébrase esta semana a segunda edición do festival de cinema galego-portugués.

Redacción - 09:00 16/07/2009

Despois do éxito do 2008, o Filminho-Festa do cinema galego e portugués vive a súa segunda edición entre os días 15 e 19 deste mes. A organización, un ano máis, corresponde á Asociación A Morraceira. Entre o máis salientábel do programa, atopamos a proxección Aquele Querido Mês de Agosto, de Miguel Gomes, produción aclamada pola crítica que estivo no Festival de Cannes e que gañou o BAFICI e o Festival das Palmas. Tamén se poderá ver o filme Ruinas de Manuel Mozos, que gañou a semana pasada no FIDMarsella, festival internacional de documentais de Marsella e no IndieLisboa. Por parte galega está fóra de concurso Tanyarazdwa de Alberte Pagán, un fresco monumental en dúas pantallas sobre unha muller que personaliza o continente africano.

Porén, o prato forte volven ser as curtametraxes dos que sairán nomes para encheren de esperanzas o futuro: Corrente, de Rodrigo Areias; Verderojo, de Daniel Fernández; Na distancia, de Victor Hugo Seoane; ou A viaxe, de José González. O Festival gusta de salientar o seu papel de trampolín para novos talentos con personalidade propia. Así, na primeira edición congregáronse nomes como Óliver Laxe, Ángel Santos, Lara Bacelo, Peque Varela ou Susana Rey, directores xurdidos polo decidido apoio desde a Axencia Audiovisual Galega.

Non menos importante é o Fórum de Creadores para apoiar a produción de novos cineastas no Miño, proxeccións sorpresas, traballos de escolas e concertos de música para pechar a festa.

Á competición oficial engádese a retrospectiva de Edgar Pera, cineasta de vangarda de recoñecida traxectoria. Así mesmo, recuperouse da Cinemateca Portuguesa o Entremez Famoso sobre la Pesca en el Río Minho (1974), de Luis Galvão Teles, baseado na obra do galego Gabriel Feixó de Araúxo.

Podes consultar a programación e os horarios aquí (.pdf)

Programa para os dous primeiros días
Aínda que o festival se inaugura oficialmente o xoves, na tarde do mércores xa se proxectarán os primeiros traballos, no que se coñece como 'Pre-Filminho'. A partir das sete da tarde no Auditorio de Goián poderán verse distintas pezas das escolas de imaxe e son e de cinema GALLAECIA, EPRAMI ou da OMIX de Tomiño. A seguir, proxectarase os primeiros filmes da retrospectiva de Edgar Pêra: '25 de Abril, Aventura para a Demokracya' e 'És a Nossa Fé'.

A xornada do xoves comezará coa proxección en Goián de 'A Memoria Perdida', de Luis Pascual e Javier Cea e de 'Bab Sebta', de Frederico Lobo e Pedro Pinho, a partir das cinco da tarde. O prato forte chegará ás once da noite no Auditorio de Cerveira, coa Gala de Apertura, na que se proxectarán '27 Minutos com Fernando Lopes-Graça', de António-Pedro Vasconcelos. E 'Mulheres da Raia', de Diana Gonçalves.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: