Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PALMARÉS DO FESTIVAL

Miguel Gomes e Nuno Beato comparten o 'Grande Premio Filminho'

Con 'Aquele Querido Mês de Agosto' e 'A miña vida nas túas mans'. Tamén houbo recoñecementos para Diana Gonçalves e Manuel Mozos.

Redacción - 11:15 20/07/2009

O Filminho 2009 pechou no Auditorio de Goián (Tomiño) a súa segunda edición coa Gala na que se deron a coñecer os gañadores. O xurado formado por António Victorino de Medeiros e Almeida, Manuel González, Paulo Manuel Ferreira da Cunha, Antonio Caeiro e Patrick Esteves decidiu que o máximo galardón do festival, o 'Grande Premio Filminho' fose compartida pola longametraxe de Miguel Gomes Aquele Querido Mês de Agosto e a curta de animación A miña vida nas túas mans, de Nuno Beato.

Finalmente, tamén existía expectación por coñecer quen se levaría a fisga do Grande Premio Minhoto, que recaíu na tudense Diana Gonçalves polo seu documental Mulleres da Raia. No Fórum dos Criadores, o proxecto seleccionado cunha achega de 2.000 euros de axuda para á súa realización foi De porta en porta, de Lino Fernández, Celso Iglesias e Lisi Fontaiña. Manuel Mozos, co filme documental Ruínas, acadou unha Mención de Honra do tribunal.

Na cerimonia de clausura desta Festa do Cinema Galego e Portugués tamén recibiu os aplausos do público Édgar Pera, o cineasta lisboeta a quen se lle dedicou unha retrospectiva durante os cinco días de cine que se viviron en Goián e Vila Nova de Cerveira.

Os premiados
Con Aquele Querido Mês de Agosto, Miguel Gomes fai unha obra de múltiples lecturas sobre a música, o amor e as relacións familiares. Trátase dun filme valente e transgresor de xéneros producido por O Som e a Fúria que leva recollido os merecidos parabéns da crítica en diversos festivais. Sinala o xurado oficial do Filminho na acta do seu palmarés que posee: "arroxo creativo da narrativa e orixinal entrelazado de xéneros cinematográficos que desafía e corroe as mais convencionais tentativas de definir unha obra fílmica. Para alén da orixinalidade estética, evidenciase tamén unha sorprendente e impresionante comuñón da obra coa realidade filmada".

A ficción de animación de Nuno Beato é unha coproducción galego-portuguesa que mereceu o Grande Premio Filminho por: "a excelente calidade técnica presentada, sen que, entanto, esa técnica faga esmorecer as características plástica e visual evidenciadas. O filme tamén sobresale pola abordaxe transversal das realidades e culturas dos dous países ibéricos".

Diana Gonçalves, cineasta tudense, conseguíu o Grande Premio Minhoto por un documental sobre o papel das mulleres no contrabando entre os dous países durante boa parte do século XX. Para o tribunal: "reforza de forma inequívoca o carácter, a identidade e a filosofia definidas para este festival: Mulleres da Raia contribuiu de forma notábel para rescatar do esquecemento a memoria individual dunha realidade histórica eminentemente transfronteiriza e un patrimonio simultáneamente tan rexional coma universal".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Aquele querido mes de agosto'

'Mulleres na raia'

Imaxes da xornada do sábado no festival
Imaxes da xornada do sábado no festival