A Plataforma Antitouradas da cidade volveu á actividade cunha performance diante do recinto destinado á organización de eventos taurinos.
Ao remate do acto, despregouse unha pancarta contra as touradas
A Plataforma Antitouradas de Pontevedra volveu este luns á actividade cunha performance nas inmediacións da praza de touros da cidade para protestar contra os eventos taurinos. Membros da plataforma amosaron "gráfica e publicamente" tanto o seu rexeitamento a este tipo de actos como o feito de que os consideran celebracións do "sadismo, o sangue e a tortura animal".
Os participantes na acción reivindicativa guindaron sangue e restos de vacún nunha das portas de acceso á praza. Durante os vindeiros días, continuarán coas súas actividades, como a pegada de carteis, e iniciarán unha campaña de recollida de sinaturas no centro pontevedrés, de cara á manifestación que convocaron para o oito de agosto. A mobilización partirá ás sete da tarde da Praza da Peregrina, pasando polo centro de Pontevedra e a rúa Benito Corbal para rematar no punto de partida, onde lerán un manifesto.
A Plataforma Antitouradas de Pontevedra considera que a "Fiesta Nacional" está indisolubelmente ligada ao franquismo e ten un claro compoñente machista, por ser o toureiro "a personificación da gallardía e chularía, e como epítome do macho ibérico". Ademais, cualifica os eventos taurinos de "exaltación do sadismo, o sangue, o machismo e o españolismo".
Tamén critica que o Concello de Pontevedra, con alcalde nacionalista, introduza as touradas como parte das festas da cidade, mentres o BNG reclama no Parlamento unha lei antitaurina, polo que o cualifica de "hipócrita".
A plataforma reivindica que se declare Pontevedra cidade antitouradas, que cese o financiamento público da empresa propietaria da praza de touros, que se supriman as touradas como reclamo turístico e se aproveite o seu orzamento para a realización de espectáculos culturais, e que se declare unha Lei de Protección Animal galega en cumprimento da europea.