Milleiros de persoas ateigaron as rúas da vila en seguimento da convocatoria da confraría, esixindo a paralización das obras do porto deportivo.
Por riba de 4 mil persoas, segundo as contas dos convocantes, uníronse este sábado en Cangas á manifestación en rexeitamento da construción do porto deportivo na antiga conserveira de Massó.
"Os peixes e mariscos non viven de recheos e contaminación", podía lerse no cartaz principal á cabeza da marcha. Críticas á presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, reproches á parte de PSOE e Bloque no goberno local, e berros de 'Son mariñeiros e non terroristas', 'Goberne quen goberne, Massó non se vende' ou 'Caixanova Terroristas', foron algunhas das frases escoitadas. Durante o percorrido algúns comercios pecharon as súas portas en "solidariedade" cos mariñeiros de baixura e en defensa do banco marisqueiro. Ademais, das súas portas e escaparates colgaban cartaces, que foron repartidos durante a tarde do venres, en "sinal de apoio" aos manifestantes.
Os manifestantes pediron a dimisión do subdelegado do goberno español en Pontevedra, Delfín Fernández, cando varios garda civís lles impediron a entrada nas obras de Massó, ante o que a organización pediu aos asistentes que desistisen para evitar enfrontamentos.No manifesto, lido pola actriz Mabel Rivera fronte ao Concello de Cangas, fíxose un chamamento a todos veciños para que se "sumen" ás mobilizacións e, desta forma, "facer presión" para que as escavadoras "deixen de traballar" no Salgueirón. "A opinión pública, de momento, non está sensibilizada, por iso temos que continuar buscando apoios e facerlle saber aos que quedan na casa que os danos que ocasionará o porto deportivo non se valoran por campaña, como acontece en agricultura, senón que serán para toda a vida", dixo o patrón maior da Confraría de Pescadores 'San José' de Cangas, Evaristo Fernández, a Europa Press.