Coa vitoria na etapa raíña desta competición, o de Teo amosa a espectacular forma coa que chega á próxima Vuelta a España.
"Este triunfo supón unha gran satisfacción e confirma as sensacións que me transmitiron as últimas carreiras, é dicir, que me atopaba ben, mellor que o ano pasado por estas datas", advertiu o ciclista de Cacheiras ao finalizar a tirada deste domingo na Vuelta a Burgos onde furou primeiro a meta.
Subliña Mosquera o importante "reforzo moral" que este triunfo lle implica, ao estar próximo á cita onde, logo de ter que renunciar por lesión ao Giro de Italia, aspirará agora a dalo todo, a Vuelta a España. "A tranquilidade absoluta nunca a tes, pero sabes que estás ben, que fixeches as cousas adecuadamente e iso permíteche ir un pouco máis relaxado, regulando no tempo que resta", avisa o Eze. Mosquera gañou así esta etapa raíña da Vuelta a Burgos e confirma o seu bo momento nunha cima de gran tradición ciclista, a das "Lagunas de Neila". Alí demostroulle ao pelotón que é sen dúbida uns dos mellores escaladores do momento. Doutra banda, a destacar tamén da actuación dos seus compañeiros do Xacobeo Galicia o premio da montaña que gañou o galego Serafín Martínez.
Ao respecto, apunta o xefe do cadro, Álvaro Pino, que "foi unha gran vitoria tras unha etapa moi esixente, culminando o bo traballo de todo o equipo". "O triunfo confirma o que Ezequiel nos viña transmitindo nas últimas carreiras e o que, por outra banda, nos viña dicindo: comentaba que estaba mellor que o ano pasado a estas alturas, e iso nel, que non adoita ser moi rotundo nas súas declaracións, era xa un signo claro".