O presidente da CEOE, Díaz Ferrán, asegura que son os sindicatos quen bloquean os convenios e alerta de que as empresas non poden soportar incrementos salariais.
Díaz Ferrán aposta por rebaixar os salarios
Logo da acérrima defensa da "flexibilización do mercado de traballo", o presidente da patronal española, Gerardo Díaz Ferrán, púxolle cifras a esa medida "necesaria" para afrontar a crise. O presidente da CEOE considera que os convenios salariais de 2009 deberían incluír unha rebaixa salarial de "como mínimo" o 1%. Así, precisou que a patronal propuxo como punto de partida para a negociación colectiva deste ano unha rebaixa de entre o 0 e o 1%, unha proposta coa que entende que se desatascarían as negociacións de todos os convenios.
Na súa opinión, son os sindicatos os que bloquean os convenios ao pedir revisións salariais de máis do 2% e dixo que as empresas non poden soportar incrementos por enriba desta cifra, cando están a baixar os prezos de produtos e servizos. Ademais, no marco da negociación do diálogo social, acusou ás forzas sindicais de ameazar máis dunha vez coa folga xeral, marcándolle ao goberno español a liña a seguir.
Finalmente, adiantou que se o executivo español "quere acertar" nas medidas necesarias para saír da crise debe de contar cos empresarios.