A Iniciativa pola Globalización Ética, grupo creado por Mary Robinson, ex Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, impulsa o proxecto.
Ken Saro-Wiva, escritor e activista nixeriano asasinado en 1995
O finlandés Martin Scheinin e o austríaco Manfred Novak, como relatores das Nacións Unidas, son os autores da proposta concreta que o organismo internacional xa ten enriba da mesa. Trataríase, de saír adiante, dunha tribunal internacional capaz de xulgar a actuación de diversas multinacionais. Os propios autores do proxecto admiten o seu pesimismo a curto prazo, mais afirman que sería factíbel que un organismo deste tipo funcionase no futuro.
Na actualidade, algúns dos casos máis graves chegan aos xulgados tradicionais e acadan gran repercusión mundial, como é un dos casos que lles contamos recentemente, o da petroleira Shell e a súa implicación no asasinato de varios activistas en Nixeria, o escritor Ken Saro-Wiva entre outros.
Febles compromisos na actualidade
A proposta é resultado da reflexión sobre o encargo da Iniciativa pola Globalización Ética, plataforma artellada por Mary Robinson, ex presidenta de Irlanda e ex Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos. Entre os obxectivos deste colectivo está a promoción do respecto aos dereitos humanos entre o empresariado e o apoio por exemplo ao proxecto Global Compact das Nacións Unidas.
Así e todo, tal e como recordan este mesmo luns desde Ecoloxistas en Acción, importantes empresas transnacionais que asinaron a súa adhesión a este proxecto da ONU, son denunciadas polos activistas pola súa implicación en casos de violación de dereitos e graves agresións ambientais. É o caso por exemplo, citan os ecoloxistas, do BBVA, do que di esta asociación que podería ser xulgado por un tribunal deste tipo por cando menos tres sucesos: a participación xunto con outros bancos nunha mina de ouro en Perú que causou a contaminación de augas por cianuro; o investimento nun oleoduto ecuatoriano que afectou áreas protexidas ou o financiamento de gasodutos en Bolivia con graves impactos na biodiversidade local. Repsol ou Endesa son outras empresas citadas por Ecoloxistas en Acción.