Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Encontro cheo de incógnitas

Fenderá Unasur a crecente 'guerra fría' en Suramérica?

O principal enfrontamento pon a Colombia dun lado e Venezuela do outro. Pero o crecente investimento militar dos veciños do continente abre outras frontes.

Redacción - 11:50 28/08/2009

O presidente boliviano, Evo Morales, é o autor dunha proposta de referendo no ámbito suramericano para decidir sobre a conveniencia ou non das bases militares estadounidenses na zona. Mais Bolivia é xustamente outro dos protagonistas do conflito derivado do crecente investimento en armamento no continente. Así, o veciño goberno de Paraguai expresaba recentemente a súa preocupación polas iniciativas de adquisición de material bélico por parte do executivo de Morales. Entre outros, Bolivia anunciou a adquisición de material das forzas armadas rusas por valor de 70 millóns de euros.

Será este un dos temas que estarán na mesa da xuntanza desta semana dos países suramericanos no marco do foro da Unión de Nacións Suramericanas (Unasur). A cita foi convocada expresamente para debater o proxecto de Colombia para o uso por parte do exército estadounidense de sete bases militares en territorio colombiano e coa vontade de afrouxar a tensión nacida desa decisión. Venezuela, Ecuador e Bolivia lideran as críticas contra a decisión do goberno colombiano, que xustifica o pacto cos EUA nun acordo para o combate ao narcotráfico e o terrorismo.

Tensión "militar" con posíbeis consecuencias comerciais
O presidente venezolano, Hugo Chávez, afirmou que a postura do goberno do presidente Álvaro Uribe sementa "ventos de guerra" na zona. Países como Perú pola contra, apoian a estratexia colombiana. No medio, o país anfitrión desta cita, Arxentina, e o goberno brasileiro de Lula poderían abrollar como mediadores principais do conflito. Así e todo, o gabinete uribista xa advertiu que non renunciará ao acordo cos EUA: "Non imos a Arxentina a consultar nada, é xa un feito". No plano práctico a curto prazo, a situación podería implicar unha ruptura de relacións diplomáticas e mesmo comerciais entre Venezuela e Colombia, nun chanzo que podería afectar tamén a outras economías veciñas.

Por outra parte, importante é tamén outro enfrontamento que aparece canda esta xuntanza da Unasur: a disputa entre Perú e Chile pola saída ao mar de Bolivia. O presunto acordo de Chile con Bolivia para facilitarlle a este país unha saída ao mar foi criticado por Perú, desde onde advirten da propia disputa que os gobernos peruano e chileno manteñen pola liña fronteiriza. A hipotética saída marítima de Bolivia por territorios que no pasado foron peruanos acendería tamén a tensión nesta área. Ao respecto, o executivo chileno de Bachelet rexeitou na previa á reunión de Unasur que o asunto sexa tratado neste organismo multilateral.

A maiores, a actualidade trae tamén a esta cita de xeito inevitábel o recente golpe de Estado en Honduras. O rexeitamento do goberno golpista dos convites á recondución da situación feitos pola Organización de Estados Americanos (OEA), será asunto de debate. "Aínda hai clima para buscar algúns últimos esforzos", dixo confiar o secretario xeral da OEA, José Miguel Insulza. Tamén optimista apareceu a representante mexicana na delegación que visitou Honduras, Patricia Insulza, quen asegurou que a vía diplomática aínda ten percorrido posíbel para conseguir a volta do presidente Manuel Zelaya. Con todo, as noticias que chegan do país advirten dunha crecente tensión a pé de rúa que podería desembocar en enfrontamentos graves.

Para ampliar:


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: