A Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) asegura que os alimentos orgánicos conteñen niveis maiores de vitaminas e minerais que os producidos por medio da agricultura tradicional. A investigación realizada pola QLF (Quality Low Input Food) durante catro anos, foi impulsada por un consorcio de 15 países e remunerada pola UE.
Neste estudo incluíronse todos os produtos ecolóxicos que forman parte da cadea alimenticia. Deste xeito, chegaron a conclusión de que esta clase de alimentos presenta maiores niveis de antioxidantes, vitaminas e minerais. A Universidade Politécnica de Valencia, que tamén realizou un estudo sobre este tema, asegura que os vexetais ecolóxicos teñen un menor nivel de auga, o que repercute no seu sabor e conservación. Cómpre, así mesmo, destacar que o fósforo ten máis presenza neste tipo de comida.
Un estudo da Axencia Británica de Estándares Alimenticios (FSA) abriu, fai uns meses, un debate sobre as diferenzas existentes entre os alimentos da agricultura tradicional e os orgánicos. Neste informe a FSA afirma que os alimentos ecolóxicos non difiren en gran medida, respecto ao seu contido nutricional, de aqueles cultivados de xeito convencional. Este dato ameaza ao mercado dos produtos ecolóxicos que se cifra en 34.300 millóns de euros. Porén, a FSA recorda que estes produtos teñen un menor impacto ambiental e que na súa produción se respectan as regras sobre o uso de antibióticos en animais ou de pesticidas nas colleitas.
Aínda así, son unhas conclusións non exentas de críticas. Un dos organismos que as rebate con maior firmeza foi o británico The Organic Center (TOC). Esta entidade confirma que o polémico estudo se serviu de datos antigos e que ademais omitiu a medición dalgúns nutrintes moi importantes como polifenois e antioxidantes. Segundo o TOC, “compoñentes vitais para a saúde humana”.