O poeta será lembrado o martes 8 cunha ofrenda floral en Outeiro de Rei e a estrea dunha obra súa no Teatro Rosalía de Castro.
O 8 de setembro cúmprense cinco anos do pasamento na Coruña de Manuel María, o poeta da Terra Cha. A súa terra natal e a cidade no que morreu escolleron esta data para lembrar a súa figura. Poesía, música e unha ofrenda floral lembrarano en Outeiro de Rei, mentres no Teatro Rosalía de Castro interpretarase “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela”, con música composta por Nani García.
Os actos en Outeiro de Rei arrancan ás tres da tarde cun xantar de irmandade. A partir das cinco desenvolverase nas Penas de Rodas un recital poético aberto á participación, que dará paso á ofrenda floral no cemiterio de Outeiro de Rei. Ás sete terá lugar o acto simbólico da entrega da navalla, que este ano a Fundación Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos ofrecerán a Xulio Xiz. Os actos pecharanse cun concerto no que Miro Casavella, Mini e Mero e Tino Baz interpretarán temas con letras do poeta.
Versos para sempre cantar
O mesmo día A Coruña homenaxeará ao poeta coa estrea ás 20.30 horas no Teatro Rosalía de Castro de “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela”. A obra dramática para público infantil escrita por Manuel María é nesta ocasión musicada por Nani García. A actriz María Inés Cuadrado será a encargada de narrar o texto, e a música porana o cuarteto de clarinetes Xerión.