Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENTRES A INDUSTRIA INCUMPRE O ACORDO

O sector leiteiro alerta de que non pode aguantar nin un mes máis

Unións e XX.AA urxen á industria e ministerio para que nos vindeiros 15 días se asine o maior número de contratos posíbeis.

Redacción - 18:10 21/09/2009

Malia que xa pasaron dous meses dende que a industria, a Administración e os sindicatos (no caso galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores) asinaran en Madrid un pacto que estabelecía un prezo orientativo mínimo de 31 céntimos por litro de leite, a realidade dista moito do acordado nos papeis. Lonxe destes 31 céntimos están os prezos que se pagan en Galiza: por exemplo, Leite Río paga 22; Lactalis, 24; Leite Celta, 21; e Reny Picot ou Clesa, menos de 22.

Ante esta situación, os sindicatos, outra vez, elevan a súa voz para alertar sobre a situación de creba na que xa se atopa o sector. Na comisión de seguimento convocada polo Ministerio de Medio Rural, tanto XXAA como UUAA lanzaron un ultimato á industria, mais tamén ao goberno español. "Pasaron dous meses", di Francisco Bello, secretario xeral de Xóvenes Agricultores (XXAA), "e non houbo avance ningún. Algunhas empresas están cumprindo, pero son as menos, mentres que a meirande parte segue pagando moi por debaixo do acordado". Doutra banda, os sindicatos lamentan o escaso cumprimento da administración española como garante do acordo: "insistímoslle en que teñen que cumprir o seu papel, e non só sumarse á foto no día da sinatura".

Pola súa parte, o secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, amosou a súa confianza en que esta xuntanza teña os seus resultados. "Temos o compromiso do Ministerio de Medio Rural de que haberá actuacións nos vindeiros días", dixo, "avances que suporán que a distribución condicionará o abastecemento ás industrias que entreguen contratos asinados cos produtores".

Medidas de presión, mais non folga de recollida
Cunha situación que non é moi diferente da que vivían os gandeiros nos pasados meses, cando as tractoradas colapsaban as principais rúas do país, tanto XXAA como UUAA valoran a posibilidade de volver ás medidas de presión se non hai solucións para o sector. "Non podemos aguantar nin un mes máis, a cuestión é moi seria", di Bello, "nós asinamos o acordo porque entendiamos que era bo para os gandeiros, mais non é un cheque en branco: se non se cumpre iremos contra a distribución e a industria máis recalcitrante".

Porén, sobre o seguimento da folga europea na recollida do leite que podería apoiar o Sindicato Labrego Galego (SLG), ambos os dous sindicatos manteñen a súa postura. "As medidas de presións hai que estudalas repousadamente e no seu contexto", insiste Bello. "Nós entendemos que é unha medida que nos faría máis dano, porque facilitaría a saída do leite excedentario de Francia e Portugal e estariamos prexudicándonos a nós mesmos: nun momento no que nin sequera cubrimos os nosos custes, non nos podemos permitir tirar nin un litro de leite".

Pola súa parte, Carme Freire, secretaria xeral do SLG, instou a "deixar de mentir" os gandeiros cos obxectivos que pretende do acordo lácteo asinado en Madrid: "ese pacto non é máis que un paripé; basta xa de enganar ao sector lácteo mentres as explotacións están a un paso da creba".


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O acordo asinado en Madrid garantía un prezo de 31 céntimos por litro, porén os gandeiros galegos non reciben máis de 25
O acordo asinado en Madrid garantía un prezo de 31 céntimos por litro, porén os gandeiros galegos non reciben máis de 25
XXAA e UUAA non descartan retomar medidas de presións se non se cumpre o acordo
XXAA e UUAA non descartan retomar medidas de presións se non se cumpre o acordo