O líder do PSdeG critica que o titular da Xunta vaia dicindo por Madrid "o que se lle ocorre", e insinúa que ten unha "axenda oculta" para a fusión de caixas.
O líder do PSdeG, Manuel Vázquez, asegurou este martes que "Galiza non é insolvente", a pesar de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, si o sexa e de que vaia dicindo por Madrid "o que se lle ocorre".
Vázquez indicou nos corredores do Parlamento que cumprirá cos seus compromisos, malia as advertencias deste luns ao goberno español por parte de Feijoo. Para o líder dos socialistas, o xefe do Executivo "inventa miles de millóns" e pretende dar mostra de que fala en nome de todos os galegos, cando non é así, xa que o Parlamento non se pronunciou sobre ese tema, dixo.
"Galiza cumprirá coas responsabilidades que marcan as regras de xogo e non vale dicir unha cousa cando es oposición e cando non che vai ben a partida dar unha patada na mesa e que salten as cartas polo aire", argumentou.
Ademais, Vázquez denunciou o "fracaso" da política económica do Goberno que preside Núñez Feijoo, de quen dixo que practica o "escapismo" e a "paralise". Tamén, insinuou que o titular da Xunta tiña unha "axenda oculta" sobre a fusión das caixas galegas cun nome pactado para dirixilas, Juan Ramón Quintás, actual presidente da Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA) .
Aprazo da débeda, pide Feijoo
Pola súa banda, Feijoo pediulle este martes ao goberno español que "aprace a débeda" ás comunidades autonómas para que, durante a crise, non se lles imposibilite" o financiamento dos servizos públicos "esenciais". "A postura razoábel e leal sería, como mínimo, aprazar a débeda e despois sentarnos a falar", afirmou nunha entrevista concedida a RNE.