O portal superou os oito mil millóns de buscas mensuais e abrangue as tres cuartas partes do mercado da China.
Logotipo conmemorativo de Baidu
O segundo buscador do mundo xa non é Yahoo. Despois do case monopolístico Google, a posición número dous da listaxe xa a ocupa Baidu, un portal líder na China, mais practicamente descoñecido no resto do mundo.
Baidu concentra oito mil millóns de buscas mensuais e controla o 76% do mercado chinés, onde Google anda por debaixo do 20%, a pesar de ter aceptado incondicionalmente todos os requirimentos do goberno de Pequín.
Se visitamos Baidu, atoparemos un deseño minimalista moi semellante ao de Google, que mesmo ofrece imaxes conmemorativas en datas sinaladas, como o 60 aniversario da Revolución. Isto contrasta coa versión chinesa do buscador estadounidense, que incorpora máis motivos gráficos, quizais para achegarse ao público oriental.