Tres científicos estadounidenses, Elizabeth H.Blackburn, Carol Greider e Jack W. Szoztak, comparten o premio.
A telomerasa protexe os extremos do ADN, un descubrimento que permite avanzar na investigación contra o cancro
O Nobel de Medicina 2009 foi outorgado a tres científicos estadounidenses: Elizabeth Blackburn, Carol Greider e Jack Szostak. O seu mérito é o de resolver un problema clave no campo da bioloxía: como os cromosomas se copian completamente durante a división celular e como se protexen da degradación. Os galardoados demostraron que a solución está ao final dos cromosomas, os telómeros. En concreto, na enzima que se forma neles: a telomerasa.
Loita contra o cancro e contra o envellecemento
Elizabeth Blackburn e Jack Szostak descubriron que unha única secuencia de ADN nos telómeros protexe o cromosoma. Mentres, Carol Greider e Elizabeth Blackburn identificaron a telomerasa. Estes achados explican como os extremos dos cromosomas están protexidos. Se os telómeros se acurtan, as células envellencen. Pola contra, se a actividade da telomerasa é alta, atrásase o envellemento celular. Este é o caso das células canceríxenas, que non morren cando deben, desviándose da apoptose ou morte celular programada.
Así, esta investigación é clave na loita contra o cancro, o envellecemento e o desenvolvemento das investigacións con células nai. Os tres científicos, que se repartirán 10 millóns de coroas suecas (975 mil euros) solucionaron un importante problema da bioloxía e, segundo o Instituto Karolinska, "avanzaron nunha nova dimensión para a comprensión da célula, botando luz sobre os mecanismos de enfermidades e estimulando o desenvolvemento de potenciais novas terapias".
O premio será entregado o vindeiro 10 de decembro, aniversario da morte do fundador do galardón, Alfred Nobel. Nos vindeiros días daranse a coñecer os premiados en Física, Química, Literatura, da Paz e Economía.