Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xenocidio armenio e Alto Karabakh

Turquía e Armenia poderían iniciar o proceso de reconciliación este sábado

Os dous países non manteñen relacións diplomáticas e a fronteira permanece pechada desde 1993 por iniciativa de Ankara.

Redacción - 11:30 07/10/2009
Os gobernos procuran a reconciliación

Os gobernos procuran a reconciliación

O primeiro ministro de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, anunciou que o seu país asinará este sábado un protocolo para estabelecer relacións diplomáticas e volver abrir a fronteira con Armenia.

"O noso ministro de Exteriores asinará o documento co seu homólogo armenio (Edvard) Nalbandián o 10 de outubro, a condición de que non haxa desenvolvemento negativo da situación desde a parte armenia, mais non creo que se presente problema ningún", sinalou.

Nunha entrevista publicada esta cuarta feira no xornal estadounidense The Wall Street Journal, Erdogan pronunciouse a prol da presenza no acto de sinatura dos representantes dos países mediadores do Grupo de Minsk (copresidido por EUA, Francia e Rusia) da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE).

Armenia e Turquía non manteñen relacións diplomáticas na actualidade, e a fronteira permanece pechada desde 1993 por iniciativa de Ankara. Desde hai dous anos, delegacións de ambos os dous países reúnense en Suíza a porta pechada co fin de normalizar situación.

Xenocidio armenio e conflito do Alto Karabakh

Os turcos reclaman o abandono da política de recoñecemento internacional do xenocidio armenio durante a Primeira Guerra Mundial, cando foron exterminados 1,5 millóns de persoas, así como o recoñecemento por parte de Ereván das fronteiras de Turquía.

Ademais, Ankara posicionouse do lado de Acerbaycan no conflito do Alto Karabakh. En 1988, esta rexión de maioría armenia declarouse independente da entón República Socialista Soviética de Acerbaycan. En 1991, anunciouse a institución da República do Alto Karabakh o que provocou combates entres as parte.

O 12 de maio de 1994 asinouse un armisticio. Como resultado do conflito que deixou un saldo de 15 mil mortos e un millón de refuxiados, Acerbaycan perdeu o control sobre Alto Karabakh e sete distritos adxacentes.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: