O presidente da Mesa expúxolle ao presidente do ente provincial pontevedrés a preocupación polo apoio da institución ás chamadas Jornadas Bilingües.
"Mesmo chegaron a falar do galego como algo menor, nunha mostra deplorábel de racismo lingüístico, de pensar que hai idiomas de primeira e idiomas de segunda, idiomas con dereitos e idiomas sen dereitos", laiouse o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, ao respecto das chamadas Jornadas Bilingües, financiadas pola Deputación de Pontevedra.
O responsábel do colectivo censurou durante a súa xuntanza co presidente do ente provincial, Rafael Louzán, o apoio a unha cita que rematou sendo "un monólogo de extremistas, sen abrir o contraste a persoas de opinións diferentes nin contar coa presenza de expertos cualificados, como especialistas en pedagoxía”. Puxo como exemplo que “nin tan sequera convidaron algún representante da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura Galega, que é un organismo estatutario".
Callón opinou que estas xornadas se converteron "nas primeiras da historia da democracia en todo o Estado nas que unha administración pagou, co diñeiro de todas e todos, os ataques contra a diversidade e a convivencia lingüística". "E por riba para crear crispación e atacar a cultura galega", censurou. Por este motivo, o máximo responsábel da mesa solicitoulle a Louzán que haxa "luz e taquígrafos" sobre o acontecido e se aclare "o que se pagou, en que cantidades e a quen".
Poden ampliar na web da Mesa pola Normalización Lingüística.