Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
16 e 17 de outubro

Para aprender a ler en familia

O colectivo Espazo Lectura organiza en Gondomar unha xornadas para axudar a nais e pais a fomentar o hábito lector dos fillos.

Redacción - 12:50 16/10/2009

As xornadas “Lendo en familia” celébranse na tarde do venres 16 e a mañá do sábado 17 en Gondomar. Un total de 60 nais e pais se inscribiron nunhas xornadas que queren ser un espazo de formación e de intercambio de experiencias para que as familias se sintan máis seguras á hora de potenciar o hábito lector dos pequenos. Os asistentes aprenderán a contar contos e a ler cos fillos e fillas; reflexionarán sobre a importancia da lectura na formación dos nenos, coñecerán que se está a publicar en literatura infantil e xuvenil e asistirán a sesións de contacontos que lles poden servir de modelo.

Todas as xornadas se poderán seguir a través de Twitter, onde irán informando puntualmente do contido das conferencias e mesas redondas. O programa ábrese coas charlas de Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, e Cristina Novoa, asesora de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación. O sábado, Paula Carballeira impartirá unha lección de “mañas para contar un conto”; Dolores Vilavedra e María do Cebreiro compartirán cos asistentes “a experiencia de medrar nunha casa na que se le”, desde o punto de vista dunha nai e dunha filla; e Agustín Fernández Paz ofrecerá a conferencia de clausura. O programa completarase con sesións de contacontos a cargo de Rosana Estévez e Paula Carballeira.

Facer divertida a lectura
A aposta de Espazo Lectura por fomentar o achegamento dos máis novos aos libros é ambiciosa e de longo alento. O colectivo radicado no Val Miñor conta con 70 socios preocupados por fomentar a lectura entre os máis pequenos. Constituíuse formalmente como asociación a inicios de 2008, aínda que xa desde dous anos antes promovía o Contomar, sesións semanais de contacontos para cativos de 3 a 8 anos ás que asisten tamén as familias.

Despois crearon clubs de lectura, fixeron actividades de bookcrosing e iniciativas singulares como as noites na biblioteca, que organizaron nos últimos dous veráns, e nas que os nenos e nenas dormen na biblioteca rodeados de libros. Tamén celebran os cumprecontos, festas de aniversario con libros. En maio deste ano abriron na parroquia de Donas, en Gondomar, a Casa da Lectura: unha pequena biblioteca e centro de actividades para a que transformaron unha antiga escola infantil en desuso.


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: