A Performing Right Society envioulle un aviso, pero finalmente desistiu e entregoulle un ramo de flores e unha desculpa.
Sandra Burt, unha muller de 56 anos que repón víveres nun supermercado do condado escocés de Clackmannan, recibiu un aviso da Performing Right Society (Sociedade de Dereitos de Interpretación) de que recibiría unha multa se seguía cantando no traballo.
A pesar da advertencia, Burt, que se declara seguidora dos Rolling Stones, dixo que non foi quen de deixar de cantar durante o seu labor diario. A organización, que recolle dereitos de autor para a industria musical, botouse atrás e envioulle un ramo de flores e unha carta de desculpa.
Segundo informa a web da BBC, a tenda en que traballa Burt xa fora contactada pola PRS para que pagase unha licenza por facer soar a radio polos altofalantes. Cando o dono do negocio decidiu retirar a radio, a señora Burt dixo que empezou a cantar "porque estaba todo moi calado, e precisaba cantar mentres enchía os andeis para estar leda".
"Cando oín que a PRS me ía denunciar por non ter unha licenza de interpretación, pensei que era un chiste e escachei a rir", declarou Burt. "Entón dixéronme que me multarían con miles de libras, pero non puiden parar de cantar. Teríanme que poñer unha venda na boca".