O xefe da delegación do presidente constitucional, dixo que non ían permitir que o "réxime golpista" usase o diálogo para postergar a saída da crise.
Zelaya segue na embaixada do Brasil
As negociacións para pór fin á crise política en Honduras, iniciada co golpe de estado, fracasaron novamente este venres logo de que a enviada do presidente constitucional, Manuel Zelaya, anunciase que a actual fase das conversas "finalizou" sen resultados.
"Tal e como o vemos, esta fase finalizou", declarou Mayra Mejia pouco despois da medianoite, hora local (8.00 horas na Galiza). Os representantes de Zelaya presentaran un ultimato para que o restituísen no cargo antes da medianoite.
A delegación de Zelaya advertira de que se as conversas non concluían coa restitución do presidente, abandonaría a mesa de negociación. "Se ás 12 da noite non recibimos unha resposta da delegación do señor Micheletti (presidente golpista), damos este diálogo por concluído", declarara esta quinta Víctor Meza, xefe da delegación de Zelaya
Meza agregou que non estaban dispostos a permitir que o "réxime golpista" usase o diálogo para postergar a saída da crise. Mejía declarou no hotel de Tegucigalpa onde se desenvolven as conversas que os seus representantes chamaran á porta da sala em que estaban os negociadores de Micheletti, mais que non houbo resposta.
As negociacións foron retomadas fai tres semanas, pero algúns observadores e opositores cren que Micheletti alarga o diálogo para gañar tempo coa vista posta nos comicios do 29 de novembro, cos que espera volver páxina á crise política e que todo volva á normalidade.
Este é a segunda tentativa fracasada dos representantes das dúas partes. A anterior rolda de negociacións, en que interveu como mediador o presidente de Costa Rica, Óscar Arias, e que contou co apoio da Organización de Estados Americanos (OEA), tamén concluíu sen resultados.