Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O FITO, ESTA FIN DE SEMANA

Teatro de Galiza, Europa e Sudamérica en Ourense

Na Feira Galega de Artes Escénicas pechouse a contratación de 80 funcións no exterior de nove grupos galegos.

Redacción - 17:24 23/10/2009

Pasado o cine, é a quenda do teatro. Ourense celebra desde o sábado 24 de outubro ao domingo 1 de novembro a segunda edición do seu Festival Internacional de Teatro, o FITO, organizado pola compañía Sarabela. O programa está formado por 16 representacións teatrais a cargo de grupos de Madrid, Andalucía, Galicia, Portugal, Italia, Argentina, Brasil e Chile.

O festival ábrese con “Mejorcito de lo mío”, da compañía madrileña La Escapista de Teatro. Entre as compañías presentes destacan a brasileira Pessoal de Teatro e a chilena Timbre 4, xunto coa posta en escena de obras dos arxentinos Daniel Veronese e Rafael Spregelburd. Pola súa parte, os galegos Matarile Teatro porán en escena Animais artificiais.

Estas e outras propostas contemporáneas comparten cartel coa revisión de tres clásicos: Casa de bonecas e Hedda Gabler, de Henrik Ibsen, e Ópera de tres centavos, de Bertorl Bretch. A compañía italiana Teatro Tascabile di Bérgamo ofrecerá unha mostra do teatro indio kathakali na obra Il Raja di Kottarakkara. En paralelo ao festival desenvolverase un curso de “creatividade do corporal”.

80 funcións de teatro para exportar
Por outra parte, esta semana pechou a Feira Galega das Artes Escénicas, que xa ten un balance provisional de contratacións. Nove compañías galegas venderon 80 representacións dos seus espectáculos a programadores do Estado e de Portugal: as comunidades autónomas de Andalucía, Castilla-La Mancha, Valencia, Euskadi, Madrid e Navarra e as localidades portuguesas de Abrantes, Estarreja, Moita e Palmela. As compañías que pecharon máis actuacións son as de teatro infantil e danza.

Títeres Trompicallo pechou 26 funcións de Violeta Coletas contra as salchichas, Producións Acontrabutaca 16 de A horta animada, a compañía de danza Entremans vendeu 15 representacións de Concerto desconcerto, Sarabela Teatro 12 de Cósima, O Retrete de Dorian Gray pechou tres funcións de Rúa Aire, Galitoon catro de Babiliglub, Teatro do Morcego dúas de Lazarillo de Tormes, Berrobambán vendeu unha de Bicharada e Nut Teatro tamén unha de Wake up. Faltan por coñecer as funcións que van comprar os programadores galegos presentes na feira.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: