Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
64, de primeiro ano

O 11% dos alumnos matriculados este ano en Medicina son portugueses

Dos 2053 estudantes con que conta este ano a especialidade da USC, 225 son da outra beira do Miño, informa o 'Diário de Notícias'.

Redacción - 13:05 28/10/2009

De 2053 alumnos matriculados este ano lectivo na titulación de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 225 (o 11%) son portugueses, segundo datos da Reitoría que publica esta cuarta feira o xornal Diário de Notícias.

O periódico salienta que son as "medias prohibitivas" de acceso aos cursos de Medicina en Portugal a causa do elevado número de discentes da outra beira do Miño veñen estudar á Galiza. En principio foron un cento os alumnos que fixeron a matrícula previa, cantidade que baixou finalmente a 64.

Alén destes 64 caloiros (estudantes de primeiro ano dun curso superior), informan no xornal, a licenciatura de Medicina da USC conta con máis de 161 portugueses nos restantes anos, que fan o total de 225.

Ademais, salientan que "na Galiza, chegou a reclamarse unha proba de filtro para os residentes en Portugal por temeren que a situación se agrave", ao respecto de que o ingreso de estudantes portugueses estea a eivar o camiño aos locais. Unha hipótese que -matizan- xa foi abandonada.

"As críticas efectuadas o ano pasado foron consecuencia da falta de información por parte dos alumnos e das súas familias, ante a alteración na admisión de alumnos procedentes de sistemas preuniversitarios comunitarios", declararon fontes da USC ao Diário de Notícias.

En Portugal, este ano ofertáronse 1615 prazas en Medicina para alumnos chegados da Secundaria, máis unha ca no curso anterior. A media mínima de entrada foi de 17,82. Segundo o xornal, isto leva os portugueses a estudar a especialidade en universidades estranxeiras, como as españolas, as checas ou as inglesas. "Son máis de 700 os alumnos que están nesas condicións", informa.

Falta de médicos en Portugal

Ao mesmo tempo, Portugal está a sufrir unha falta de médicos xa que "os novos non substitúen os reformados". Esta situación levou a ministra da Saúde, Ana Jorge, a defender que eses estudantes deberían poder concluír o curso no país. "Actualmente, poden facer o exame da especialidade e concorrer coa media de curso no estranxeiro, cando antes, era reducida a dez valores", indica o DN.

Desde a Associação Nacional de Estudantes de Medicina opóñense a esta medida. Consideran, ademais, que as universidades "non poden ter mais alumnos". Ao respecto da falta de médicos, consideran que ese problema se debe á redución de prazas nas décadas de 1980 e de 1990. "Agora, entran 1600 todos os anos e, no futuro, non haberá falta de médicos, mas o resultado desa abertura só vai sentirse a partir do próximo ano", aseguran.


Ligazóns

4,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: