A secretaria xeral de Modernización avogou por impulsar as novas tecnoloxías para aumentar a produtividade e pola colaboración entre as administracións.
Mar Pereira asistiu á presentación do Informe Telefónica / Conchi Paz
O Plan Estratéxico Tecnolóxico Global que prepara a Xunta aínda tardará varios meses. Anunciouno a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, quen confiou en que o novo documento inclúa Galiza no novo contexto dixital ao tempo que modernice a Administración. As novas tecnoloxías son, segundo Pereira, un "instrumento clave" de competitividade e é un "importante desafío" fomentar o uso das TIC nos diferentes sectores produtivos.
Para a secretaria xeral, o feito de recoñecer a existencia da fenda dixital "constitúe o primeiro paso para comezar a superala", polo que fixou como prioridade dos gobernos desenvolver políticas públicas que aproveiten "ao máximo" o progreso tecnolóxico. Nesa liña, valorou positivamente medidas como a Lei de acceso electrónico ás Administracións Públicas ou o Plan Avanza do goberno español, que terá a súa continuidade no Avanza 2.
Pereira salientou que o 95% do tecido empresarial do país está formado por microempresas, que presentan, á súa vez, niveis baixos de equipamento tecnolóxico e de presenza na rede, fronte ás compañías de máis de 10 empregados, que converxen positivamente coa media do Estado Español.
Paralelamente, a secretaria xeral puxo de manifesto o "espectacular protagonismo" do sector TIC do país, que en 2008 superou os 13.500 traballadores, cun total de 1.575 empresas. O volume de negocio das empresas TIC con asalariados e con sede social no país superou en 2007 os 2.500 millóns de euros.
Por último, preséntase unha importante oportunidade para o sector TIC do país o acordo do Congreso dos Deputados de instar o goberno español para que valore a candidatura de Galiza como sede da Axencia de Radiocomunicacións polas sua condicións axeitadas e polo peso da industria galega das telecomunicacións.