Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TENSIÓNASE A CORDA

Os traballadores de Pascual convocan un peche indefinido

Denuncian o silencio da Xunta ante o ERE temporal no que está inmerso o cadro de persoal e que conclúe o vindeiro 4 de decembro.

Redacción - 19:30 09/11/2009
O ERE de Pascual formulouse a pasada primavera e os traballadores aínda non saben nada do seu futuro

O ERE de Pascual formulouse a pasada primavera e os traballadores aínda non saben nada do seu futuro

Logo de xuntanzas, manifestacións e un semestre sen solucións para o seu futuro, os traballadores da planta de Pascual en Outeiro de Rei decidiron acudir á vía da presión. De nada serviron as manifestacións e xuntanzas mantidas até o de agora, segundo explica o Comité de Empresa. O ERE temporal no que está inmerso o cadro de persoal conclúe o vindeiro 4 de decembro e os traballadores lamentan "a pasividade da Xunta" ante as posíbeis vías de solución.

Será o próximo mércores, o cadro de persoal (que actualmente suman 105 persoas) pecharanse no interior dunha caravana, que se estacionará ás portas da factoría. A súa intención inicial era o de pecharse na propia empresa, mais non recibiron os permisos pertinentes.

Sen visos de solución
Despois de seis meses dende que se formulase o ERE, uns vinte traballadores xa optaron por abandonar a fábrica de xeito voluntario, acolléndose a indemnizacións pactadas coa empresa (cobrando 54 días por ano traballado). O Comité de empresa reitera que "non dispón de ningunha información por parte da Xunta sobre o interese de compradores" e acusan ao executivo galego de "deixadez absoluta".

A escolla dunha das tres ofertas que, supostamente, están sobre a mesa decidirán o futuro do cadro de persoal. Unha delas é a do grupo Nueva Rumasa, da que nada se sabe. A segunda, presentouna un grupo de cooperativas galegas lideradas por Feiraco; e a última é a de Arzuana, outra cooperativa que conta co apoio dun empresario lugués.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: