O portugués é a lingua máis usada nunha web de pronuncia de palabras, mentres o galego se sitúa tras un idioma de Star Trek.
A "saudade" non se sente igual na boca dun portugués, unha brasileira de Santa Catarina ou un mozo de Rio de Janeiro. Pódese comprobar na web Forvo.com, un portal que tenta aglutinar a pronunciación de todas as palabras en todos os idiomas do mundo. Na súa base de datos hai polo de agora 329 mil palabras pronunciadas en 221 linguas. Alí se poden escoitar sete maneiras de dicir “saudade”, pero falta polo menos unha: a galega.
O portugués é o idioma con máis presenza en Forvo, con máis de 55 mil palabras pronunciadas por 1.790 persoas, a maioría delas do Brasil. Adianta nesta listaxe ao inglés, o español, o alemán, o árabe e o persa. Na web tamén se atopan 5.153 palabras en catalán, 412 en occitano ou 372 en éuscaro, por exemplo. O galego é o 35º idioma con máis palabras pronunciadas, xusto por detrás do klingon, o idioma que emprega a raza do mesmo nome no universo de Star Trek.
En Forvo atópanse 750 palabras pronunciadas en galego, e outras 217 pendentes de que alguén o faga. É a contribución de 31 falantes que achegaron a súa pronuncia de palabras como "chairego", "non", "fedello", "Castelao" ou "Xacobeo". A web permite facer comparacións entre as diferentes diccións de palabras como "porco", "amor", "beixo/beijo","amigo", "carallo/caralho", "leite", "ponte", "caluga" ou "costume".